Pasar al contenido principal

A USC e a Consellaría de Innovación desenvolven unha nova edición do ciclo de divulgación científica 'O mundo na túa cabeza'

O reitor da USC, Senén Barro, e o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinaron este xoves un convenio de colaboración para a reedición da actividade de divulgación científica ‘O mundo na túa cabeza’, que xa fora desenvolvida o ano pasado. Innovación e Industria asumirá o financiamento total desta actividade cunha achega de 147.891 euros.
O convenio inclúe o desenvolvemento de tres exposicións –celebradas en tres localidades distintas– e un paquete de actividades complementarias ás tres mostras. Así, figuran as exposicións “Que sabemos e como nolo contaron?”, sobre a historia da neurociencia, con especial referencia á historia da neurociencia en Galicia; “Estás seguro do que ves?”, sobre a viaxe que segue a información visual dende que os fotóns excitan a retina, se transforman en actividade eléctrica e esta, tras viaxar por distintas rexións encefálicas, dá lugar ao florecemento dunha percepción consciente; e “A máquina de crear realidades” na que se abordan aspectos concretos do Sistema Nervioso, referidos á súa estrutura, evolución, funcións, ou patoloxías.
As actividades complementarias pasan pola celebración de cafés científicos con participación de expertos e axentes locais que abordan temas actuais relacionados coa neurociencia e o sistema nervioso. Para o desenvolvemento das devanditas actividades a Universidade de Santiago de Compostela asume a contratación de persoal para a coordinación e xestión da organización das exposicións; a contratación de monitores para o guiado das exposicións; a xestión do transporte, vixilancia, seguros e montaxe das actividades; a promoción e difusión publicitaria das actividades, e o desenvolvemento de todas aquelas actuacións necesarias para a realización das actividades obxecto do convenio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.06.2007.