O curso de verán 'Xeografía lingüística ibérica: traballos e métodos' pretende aproximar esta disciplina ao público non especialista
‘Xeografía lingüística ibérica: traballos e métodos’ é o curso de verán que se vai celebrar do 18 ao 20 de xullo nas facultades de Filoloxía e Filosofía e no Instituto da Lingua da USC organizado polo profesor Xulio Sousa Fernández.
A xeografía lingüística é unha disciplina dinámica que se nutre das novas técnicas e métodos e que resulta unha achega imprescindible para a análise da realidade lingüística e humana en ámbitos ben distintos como a recolla de vocabulario, estruturación do campo léxico, estudos de gramática sincrónica e diacrónica, análise etimolóxica ou na obtención de datos etnográficos, entre outros.
Este curso de verán pretende aproximar o mundo da xeografía lingüística ao público non especialista, especialmente aos estudantes e aos novos graduados de titulacións lingüísticas. A intención dos organizadores é facer unha presentación dos proxectos que se están a desenvolver no ámbito ibérico e tamén mostrar o aproveitamento que se pode obter do manexo de datos dialectais e da aplicación de novos métodos e perspectivas neste campo.
Ademais, o curso pretende ser un foro de contacto entre especialistas que axude a coñecer os novos proxectos que botan a andar e os avances daqueles xa iniciados. A contribución de investigadores de todo o ámbito lingüístico ibérico e dalgúns investigadores foráneos permitirá compartir experiencias e coñecementos entre os distintos métodos e aplicacións da xeografía lingüística.
No desenvolvemento do programa científico deste curso participarán investigadores das universidades Autónoma de Madrid, Barcelona, Oviedo, Pais Vasco, Pompeu Fabra, Santiago, Zaragoza, Lisboa, Stendhal-Grenoble 3 e da University of West Ontario.