Pasar al contenido principal

Os aspectos biosanitarios da xestión da auga doce trataranse nun curso de verán da USC

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007

‘Os aspectos biosanitarios da xestión da auga doce’ será o tema a estudar nun curso de verán da USC que terá lugar do 16 ao 20 de xullo no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa. Dirixido polo profesor Fernando Cobo Gradín, este encontro foi declarado pola Xunta de Galicia ‘Actividade de interese ambiental’.
As sesións académicas, que contan co cofinanciamento do Concello de Vilagarcía de Arousa e de Aquagest, darán comezo o luns 16 coa conferencia ‘Orixes e características toxicolóxicas das floracións de cianobacterias nas augas continentais’ e, deseguido, abordarase a xestión da auga de consumo no norte de Portugal, a calidade microbiolóxica das augas continentais e os virus que se transmiten por elas.
A xestión nunha empresa de abastecemento das augas e o tratamento de potabilización da auga para o consumo humano xunto co seu o control analítico serán as cuestións da segunda xornada do encontro na que tamén se falará sobre os novos avances na tecnoloxía neste eido.
Xa o mércores, día 18, a sesión matinal centrarase no estudo do laboratorio de microbioloxía hospitalaria e nos programas de control das augas de consumo, de praias e piscinas. Pola tarde, o encontro continuará coa cuestión das enfermidades transmisibles pola auga.
Durante a sesión do xoves 19 explicaranse as parasitoses humanas relacionadas coas augas doces e as epidemioloxías das enfermidades hídricas e, despois, proxectarase a película ‘Erin Brockovich’ de Steven Soderbergh. Finalmente, como clausura do curso, a xornada do día 20 consistirá nunha visita guiada á Estación de Tratamento de Auga Potable de Santiago de Compostela.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2007.