A USC organiza o I Simposio para o estudo da Convención Europea da Paisaxe e a súa aplicación en Galicia
Especialistas europeos de máximo prestixio daranse cita a vindeira semana en Santiago, os días 2 e 3 de xullo, no I Simposio para o Estudo da Convención Europea da Paisaxe e a súa Aplicación en Galicia, un evento académico organizado pola USC en colaboración co Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega). O simposio, que se desenvolverá na Fundación Caixa Galicia (Rúa do Vilar, 19), está coordinado polos profesores da USC Federico López Silvestre e Miguel Pazos Otón e conta co patrocinio da Consellaría de Innovación e Industria e da Unesco.
Diante da inminente aprobación dunha Lei Galega da Paisaxe tratarase de ofrecer un gran espazo de reflexión sobre as leis e as convencións internacionais que lle afectan e, ao mesmo tempo, abrir un debate sobre a influencia que os modelos legais e de xestión da paisaxe poden producir en Galicia, “dado o estado de deterioro existente a este respecto no noso país” apuntan os organizadores.
Expertos de prestixioNeste primeiro encontro participarán, entre outros, o profesor da Universidade de París I e redactor da Convención Europea da Paisaxe, Ives Luginbühl; o responsable político da Comisión para o Medio Rural da Gran Bretaña, Graham Garbutt; a profesora da Universidade de Buenos Aires Perla Zusman; o profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura e Xeodesia da Universidade de Alcalá Javier Maderuelo; o profesor da Universidade Pompeu Fabra Carles Pareja; o responsable do Observatorio da Paisaxe de Cataluña, Pere Sala i Martí; o profesor da Universidade Autónoma de Barcelona Albert Cortina; e o profesor da Universidade de Sevilla e asinante da Convención Europea da Paisaxe, Florencio Zoido.
A cuestión da paisaxeNos diversos relatorios especializados, profundarase na noción mesma de paisaxe, nos fundamentos da Convención Europea, na configuración legal da paisaxe atendendo á súa evolución e ás perspectivas actuais, nos principais retos para a aplicación na actualidade da Convención Europea e nun estudo pormenorizado sobre o Anteproxecto de Lei de Protección da Paisaxe de Galicia contemplando os modelos de regulación e xestión.
Así mesmo, no marco do simposio terá lugar unha mesa redonda na que participarán o director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza; o director xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias; e a directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero.
Compostela será, pois, durante dous días o centro dun encontro de máxima importancia a nivel europeo, respondendo así a Universidade de Santiago e o Idega a un reto fundamental como é o de crear un gran foro científico de estudo e de debate sobre un tema altamente sensible en Galicia, unha comunidade que posúe 1.600 Km. de costa, 31.855 núcleos de poboación, 1.000.000 de vivendas, 120 ríos, 17 rías e máis de 400.000 hectáreas recoñecidas e protexidas pola Rede Natura.