Pasar al contenido principal

O curso de verán 'Televisión dixital terrestre e por Internet, comunicación interactiva e hipermedia' abordará temas como a comunicación interactiva, os ciberdereitos ou a cibercultura

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007

Comunicación interactiva, cibercultura, dereitos emerxentes, modelos de negocio, converxencia hipermedia e identidade son eixes conceptuais arredor dos que xira o curso de verán ‘Televisión dixital terrestre e por Internet, comunicación interactiva e hipermedia’, que se vai celebrar do 11 ao 14 de xullo no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Comunicación.
O curso pretende servir de foro para a presentación e discusión de novos conceptos, ideas, experiencias e coñecementos que configuran o debate aberto na sociedade da información arredor da converxencia das novas tecnoloxías coa cultura e a ciencia, cos contidos e o coñecemento. En definitiva, sobre as posibilidades e alternativas da comunicación interactiva, sobre o novo paradigma da hipermedia, máis aló da confluencia dos multimedios, cando xa se empeza a falar das web semánticas, a experimentar coa creación virtual e con potentes buscadores ontolóxicos que “están a converter Internet nunha disputada galaxia de novas redes de intelixencia, poder e mediación social”, sinala nos organizadores do curso. A transcendencia deste marco de relacións e experiencias crúzase coa aparición, debate e formulación dos chamados ciberdereitos e coa necesidade de facer visible a través da Rede a propia cultura e identidade.
Os relatorios axudarán a abordar a problemática da converxencia dixital dende unha tripla dimensión, a tecnolóxica, a económica e a social, a través dos soportes e modelos que propician as novas formas de comunicación relacionadas cos cibermedios, comunicación móbil e interactividade, radio e televisión por internet, Web 2.0 e 3.0, creación virtual e 3D.
En total, o encontro comprende sete conferencias e catro mesas de presentación e debate sobre a posta en marcha da nova oferta de televisión dixital terrestre en Galicia, sobre a propiedade intelectual e sobre ciberdereitos, canon dixital, cibermedios e participación social, así como obradoiros sobre como crear e producir contidos para a televisión e a radio a través de Internet. A inscrición no curso dará opción á emisión dos traballos audiovisuais seleccionados dos participantes a través de Web TV e do lanzamento da primeira Canle Multimedia Virtual de Galicia en Second Life.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2007.