Pasar al contenido principal

Estudantes de Medicina e Odontoloxía farán prácticas este verán nos centros de atención primaria e hospitais galegos

Un total de 743 alumnos de Medicina e 83 estudantes de Odontoloxía farán prácticas dende o 9 de xullo ata o 30 de setembro nos centros de atención primaria e hospitais do Sergas. Os participantes no Programa de Prácticas Clínicas durante o período non lectivo, organizado pola Facultade de Medicina da USC en colaboración por vez primeira coa Consellaría de Sanidade, realizan na maioría dos casos unha estadía trinta días pero poden ampliala ata tres meses.
Esta iniciativa, coa que os interesados conseguen créditos de libre configuración, ten como obxectivo facilitar aos participantes a adquisición das habilidades e competencias básicas nas prácticas clínicas oficiais. Para iso, preténdese que os alumnos se integren na actividade do centro onde están adscritos baixo a supervisión do seus titores clínicos. Así, o vicedecano de Docencia Clínica da Facultade de Medicina e Odontoloxía, David Araujo Vilar, indica que “este é o xeito demostrado máis eficaz na formación dos futuros médicos e odontólogos”.
Asemade, David Araujo subliña a “favorable acollida” deste programa tanto por parte dos alumnos, que repiten ano tras ano, como das xerencias dos distintos centros que cada vez ofrecen un maior número de postos.
A Consellaría de Sanidade oferta máis de 1.200 prazas de prácticas no sistema sanitario galego, de entre as que destacan as 200 situadas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e 134 no Hospital Juan Canalejo da Coruña.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.06.2007.