Pasar al contenido principal

O curso de verán 'Deseño e métodos de investigación científica en Bioloxía' introduce aos seus participantes nas etapas involucradas no método científico

CURSOS DE VERÁN DA USC 2007

Dirixido a estudantes de primeiro, segundo e terceiro ciclo e licenciados en Bioloxía, así como a estudantes e titulados doutras disciplinas das Ciencias Experimentais, o curso de verán ‘Deseño e métodos de investigación científica en Bioloxía’ celebrarase no Salón de Graos da Facultade de Bioloxía entre os días 16 e 21 de xullo.
O programa do curso, cunha carga lectiva de 37 horas e co financiado pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza e por Caixa Galicia, consta de dúas partes diferenciadas. A primeira inclúe tres seccións nas que se desenvolve o concepto de método científico no deseño da investigación e a aplicación dos elementos empíricos, técnicos e administrativos baixo un enfoque teórico. A segunda comprende a selección de seis temas de carácter aplicado, de importancia e actualidade na investigación en Bioloxía. Este bloque teórico complementarase con dúas sesións prácticas e un excursión didáctica, o último día, a un enclave de interese biolóxico, previsiblemente a serra dos Ancares.
Este proposta estival pretende dar a coñecer e aplicar as etapas involucradas no método científico co obxectivo de elaborar un deseño axeitado e congruente para o desenvolvemento dun proxecto de investigación científica. O programa previsto axudará aos asistentes a formular de xeito lóxico, coherente e articulado os problemas, obxectivos e hipóteses na investigación científica favorecendo ademais a aprendizaxe das técnicas específicas para a toma e análise de datos.
Ao remate do curso, os participantes nas distintas sesións previstas estarán capacitados para recoñecer a investigación científica como un estilo de pensamento e de acción orientados á xeración de coñecemento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.06.2007.