Pasar al contenido principal

A Vicerreitoría de Cultura da USC presentou a programación dos Espazos de Teatro, Danza, Fotografía e Creación Musical para o Campus de Lugo

A Vicerreitoría de Cultura da USC presentou este martes en rolda de prensa a programación dos espazos de Danza, Teatro, Fotografía e Creación Musical para o curso 2007-2008 no Campus de Lugo.
Ao acto de presentación asistiron o vicerreitor de Cultura, Elías J. Torres Feijó; o director da Área de Cultura, Pablo Sampedro; e a encargada da Oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde. Tamén estiveron presentes o asesor do Espazo Fotográfico, Eduardo Ochoa; a directora do Grupo Creación Musical, Inmaculada Cárdenas; e o director do Espazo de Danza, Juan Carlos Zahera.
Dende a Vicerreitoría de Cultura presentouse o proxecto Espazo, que ten por obxectivo dotar aos universitarios dos materiais e estratexias necesarias para fomentar a súa participación nas diferentes facetas da cultura. Con esta iniciativa a USC pon a disposición do estudantado unha serie de espazos nos que se traballará a formación, creación, experimentación, produción e distribución coa finalidade da cooperación e creación de novos grupos autónomos, ademais dos xa existentes.
O vicerreitor de Cultura explicou que estes espazos pretenden a construción de grupos autónomos e aproveitou para anunciar a futura creación da Unidade de Actividades Escénicas no 2008 e a Unidade de Actividades Musicais para o 2009. Pola súa banda, Paloma Lugilde destacou que as actividades a desenvolver están dotadas con créditos de libre configuración e apoiados no alto nivel dos seus directores e organizadores.
Espazo de DanzaO Espazo de Danza Universitaria (EDU) pretende ser unha porta aberta para o desenvolvemento de liñas de investigación e creación arredor da danza contemporánea, mantendo en paralelo unha seie de accións formativas mesturadas cos traballos de produción propia do grupo de danza. Para este curso oferta a posibilidade de participar en duas liñas diferentes. Por unha banda, preténdese achegar de xeito teórico e práctico o mundo da danza contemporánea proporcionando unhas nocións básicas, e por outra, abordarase o desenvolvemento do espazo de danza galega, onde se fusionará a tradición folclórica coa danza contemporárea.
Estas dúas posibilidades teñen como prazo máximo de inscrición ata o 31 de outubro e estarán dirixidos por Juan Carlos Zahera. As clases impartiranse na Aula de Teatro e Danza na Facultade de Veterinaria e crearanse dous grupos dun máximo de 20 persoas cada un no caso de Danza Galega e dun máximo de 15 alumnos na danza contemporánea. Ambos desenvolveranse entre outubro e abril en horario de tarde.
Espazo de Creación MusicalO espazo de Creación Musical presenta como novidade este curso a posta en marcha de grupos autónomos que conten co asesoramento do Grupo de Creación Musical (GCMUS) e da propia vicerreitoría. Impartiranse talleres de sección vocal e sección electrónica na Aula de Música da Escola Universitaria de Formación do Profesorado os xoves e martes respectivamente e estarán dirixidos por Mónica Álvarez e Arturo Vaquero. Tamén se celebrará un curso monográfico, ‘Músicas para a Escola’, dirixido a mestres en activo, profesores de música en xeral e alumnos dos estudos relacionados coa ensinanza. Terá lugar os venres e sábados de xaneiro e será impartido polos profesores universitarios Edson Zambrona e Antonio Alcázar. Ademais, dende a Vicerreitoría de Cultura apoiaranse aos alumnos que queiran formar grupos de creación con titorías de asesoramento a cargo dos profesores deste espazo.
Espazo FotográficoOs traballos realizados no Laboratorio de Fotografía e no Maratón Fotográfico do Campus, comprenden as principais liñas de traballo deste espazo. Para 2007-2008 organízanse varios módulos de formación, ‘Fotocultur 1’ do 29 de outubro ao 13 de decembro para iniciarse na fotografía e ‘Fotocultur 2’ do 11 de xaneiro ao 22 de febreiro para perfecionar os coñecementos. Como novidade este ano a programación formativa inclúe tamén a fotografía dixital.
Aula de TeatroA Aula de Teatro consta de dúas compañías institucionais, unha no Campus de Santiago e outra no de Lugo, das que próximamente sairá a convocatoria para formar parte do elenco. Para o curso 2007-2008 a vicerreitoría proseguirá coa formación actoral permanente a través do Taller de Arte Dramática levado por Tito Asorey e Roberto Salgueiro. Este traballo complementarase con cursos monográficos de comedia da arte, maquillaxe e construción e manipulación de marionetas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2007.