Pasar al contenido principal

Remata o prazo de inscrición no curso de redacción de traballos académicos organizado por Normalización Lingüística

A clases, que darán comezo o día 10, desenvolveranse nos campus de Lugo e Santiago

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago porá en marcha a próxima semana un curso de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación, que se desenvolverá nos campus de Santiago e Lugo. Os destinatarios do curso son aquelas persoas que estean realizando, ou vaian realizar, traballos de tese de doutoramento, memoria de licenciatura, traballo de investigación tutelado, proxecto de fin de carreira ou traballos académicos durante o curso.
Os cursos terán unha duración de 30 horas (22 presenciais e 8 de traballo individual) e teñen recoñecido un crédito de libre configuración para os estudantes de calquera titulación. O prazo de inscrición para este curso, que ten un prezo de 30 euros, remata o mércores día 5. Cada alumno disporá dun equipo informático con conexión a Internet, admitíndose ata un máximo de 20 alumnos por convocatoria. Será gratuíto para os alumnos que realicen en lingua galega a súa tese, memoria de licenciatura, TIT ou proxecto de fin de carreira.
As clases darán comezo o día 10 e se prolongarán o 11, 12, 13, 17, 18, 19 e 20 de decembro e o 8, 9 e 10 de xaneiro. No Campus de Santiago, o curso celebrarase no Laboratorio de Desenvolvemento Psicolóxico da Facultade de Psicoloxía, de 9:00 a 11:00 horas; na Aula de Informática 7 da Facultade de Económicas, de 12:00 a 14:00 horas e na Aula de Informática 1 da Facultade de Dereito, entre as 16:00 e as 18:00 horas. No Campus de Lugo o curso desenvolverase na Aula de Informática da Biblioteca Intercentros, de 13 a 15 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.