Pasar al contenido principal

A USC e a CRTVG colaboran na inserción laboral do alumnado de Ciencias da Comunicación afiliado á ONCE

Xestionarán un programa conxunto de prácticas nas sociedades da Compañía que xa dende 2006 se desenvolve de xeito experimental

Para garantir o desenvolvemento das prácticas en empresas do alumnado da Facultade de Ciencias da Comunicación afiliado á Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE), a Universidade de Santiago asinou este mércores un convenio de colaboración coa propia Organización e a CRTVG. No acto, que tivo lugar no Colexio de San Xerome, participaron o reitor Senén Barro; o director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez; e a presidenta do Consello Territorial da ONCE, María Dolores Venancio. Asistiron tamén o decano e vicedecano da Facultade, Miguel Túñez e Enrique Castelló, respectivamente.
A CRTVG ofertará prazas de prácticas específicas para o alumnado das licenciaturas de Comunicación Audiovisual e Xornalismo da USC afiliado á ONCE, atendendo ás súas características diferenciais na procura da máxima sinerxia entre os postos de formación asignados e as súas potencialidades. Para isto, a USC será a responsable de xestionar un programa de prácticas que incida en aspectos como a adaptación das probas de selección das prazas, o apoio telemático e o asesoramento administrativo e de contidos.
Apoio específicoOs estudantes seleccionados contarán na CRTVG cun titor específico que os porá ao corrente dos potenciais riscos laborais, existindo a posibilidade de que vaian acompañados en todo momento de cans guía ou persoas de apoio, en caso de resultaren necesarios.
Pola súa banda, a ONCE facilitará aos seus afiliados o software de adaptación das ferramentas informáticas e telemáticas habituais da profesión xornalística e da comunicación audiovisual, así como o traballo de recoñecemento topolóxico da sección de destino e dos percorridos precisos para o seu desenvolvemento profesional.
Experiencia anteriorDesde 2006 tres alumnos afiliados á ONCE con diversas deficiencias visuais participaron no programa de prácticas en empresas ou institucións da Facultade de Ciencias da Comunicación. Dous destes alumnos beneficiáronse xa da colaboración iniciada entre a ONCE, a CRTVG e a Facultade para garantir o desenvolvemento das súas prácticas na Radio Galega en condicións de igualdade ao resto de alumnos.
As entidades asinantes entenden que a natureza das disciplinas recollidas na ampla área das Ciencias da Comunicación permiten ao estudante afiliado á ONCE unha inserción formativa e laboral efectiva por riba das súas limitacións sensoriais. A intención do convenio é formalizar e dar continuidade a esta experiencia piloto procurando que se estenda a outros medios de comunicación que participan no programa.
Na actualidade a USC ten asinados convenios con máis de sesenta entidades que colaboran no programa de prácticas da Facultade, que dende 2005 conta cunha oficina de seguimento propia que vixía o seu axeitado desenvolvemento.
Comisión de seguimentoPara a supervisión do acordo, dunha vixencia de dous anos prorrogables, créase unha Comisión de carácter paritario que estará integrada polo director de Organización e Recursos Humanos e o xefe de Formación e Selección da CRTVG, o decano e o vicedecano competente en materia de prácticas da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e pola presidenta do Consello Territorial da ONCE.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.12.2007.