Pasar al contenido principal

A Área de Orientación Laboral de Santiago organiza obradoiros sobre técnicas de busca de emprego

O primeiro deles celebrarase este xoves orientado á elaboración do currículo

A Área de Orientación Laboral (SAEE) do Campus de Santiago organiza este mes dous obradoiros sobre técnicas de busca de emprego dirixidos a estudantes de últimos cursos e titulados recentes.
A primeira das citas programadas será este xoves 13 nun primeiro obradoiro sobre a Elaboración do Currículo no que se abordarán contidos relacionados coas técnicas para a redacción do citado documento e da carta de presentación, os diferentes tipos que existen e a súa importancia para levar a cabo unha busca activa e eficiente de emprego.
A vindeira semana, o martes 18, se celebrará unha segunda sesión sobre a Preparación de Procesos de Selección, e terá por obxectivo ofrecer información sobre as principais técnicas de selección de persoal, as súas finalidades e formas de aplicación, así como proporcionar recursos aos universitarios para afrontar o seu acceso ao mercado laboral con éxito.
Ambas as dúas actividades se enfocan dende o punto de vista da optimización do proceso de busca de emprego e da facilitación da inserción profesional dos universitarios.
Os dous obradoiros, de carácter gratuítos, celebraranse en horario de 10:00 a 13:00 horas nas dependencias do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) da Vicerreitoría da Comunidade Universitaria e Compromiso Social, emprazadas en Casas Reais nº 8. Aquelas persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente na oficina da Área de Orientación Laboral (SAEE) ou por teléfono a través da extensión 12850.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.12.2007.