Pasar al contenido principal

Comeza o labor dos bolseiros de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria e da Aula Verde da USC

Os bolseiros de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria reuníronse para coñecer o programa de actividades
Os bolseiros de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria reuníronse para coñecer o programa de actividades

Ao igual que nos tres anteriores cursos, preto de trinta estudantes da USC foron seleccionados coma bolseiros da convocatoria de Sustentabilidade, Participación e Integración Universitaria. A Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible reuniunos este luns por primeira vez xunto con algúns profesores coordinadores das bolsas nos centros docentes.
Na xuntanza tivo lugar a presentación das persoas encargadas de coordinar o labor dos bolseiros e tratouse a dinámica de traballo que se vai seguir ao longo do programa. Así mesmo, explicouse a primeira das actividades na que os bolseiros van a participar. Ao acto asistiu o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán Santos, o responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria, Javier Agrafojo, a coordinadora do Plan de Desenvolvemento Sostible, Dora Blanco, e outros traballadores da Oficina de Coordinación do Plan.
Estas bolsas teñen como obxectivo fomentar a participación e sensibilización da comunidade universitaria mediante a súa implicación en proxectos ambientais, sociais ou de integración, continuando co traballo iniciado nas anteriores convocatorias. Os bolseiros colaborarán en actividades relacionadas co medio ambiente e o desenvolvemento sostible e promoverán a difusión de información sobre cursos, xornadas e actividades relacionadas coa sustentabilidade, participación e integración universitaria. Ademais, implicaranse activamente en diferentes campañas que atinxen a temas de participación social e voluntariado.
Aula Verde da USCPor outro lado, recentemente tivo lugar unha reunión promovida pola Coordinación do Plan de Desenvolvemento Sostible cos seis bolseiros de Aula Verde, estudantes que realizan actividades de desenvolvemento sostible en centros do Sistema Universitario de Residencias (SUR) da USC. Este ano por primeira vez cada residencia e colexio maior dispón dun bolseiro propio, xa que ata o momento soamente se convocaban dous por curso para todos os centros do SUR. A convocatoria é promovida conxuntamente entre a Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social e a de Calidade e Planificación. Na reunión, que tivo lugar na Casa da Balconada, tratáronse os diferentes proxectos que os bolseiros de Aula Verde levarán a cabo este ano, centrándose na xestión de residuos en residencias e colexios maiores e na organización de conferencias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.12.2007.