Presentación da exposición 'Do Gaudeamos Igitur ao Venceremos nós. As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela'
‘Do Gaudeamos Igitur ao Venceremos nós. As mobilizacións estudantís do 68 en Compostela’ é o título da exposición que a partir do vindeiro mes de febreiro de 2008 rememorará no Colexio de Fonseca o movemento estudantil que se desenvolveu na universidade galega ao longo do curso 67/68.
Esta exposición, que organiza a Fundación 10 de Marzo, será presentada este martes, día 18, nun acto no que participarán o vicerreitor de Cultura da USC, Elias Torres; o vicerreitor de Extensión Universitaria e Comunicación da Universidade da Coruña, Luis Caparrós; o director da Área de Historia da Fundación 10 de Marzo, Víctor Santidrián; e o comisario da mostra, Ricardo Gurriarán. Tamén está prevista a presenza de representantes das consellarías de Educación e de Cultura, así como da Obra Social de Caixa Galicia.
A presentación desenvolverase a partir das 11:30 horas na Sala de Prensa do Colexio de San Xerome, e nela os participantes tamén farán referencia ao ciclo de actividades que se van desenvolver de xeito paralelo á mostra.
Esta mostra recollerá documentos e obxectos procedentes de varios arquivos públicos e colección privadas cos que se pretende ofrecer unha imaxe da vida universitaria da época, así como unha explicación do que foi o movemento estudantil antifranquista.