Pasar al contenido principal

O profesor da USC Javier Garbayo catalogará os fondos do Arquivo de Música da Catedral de Lugo

Con este traballo péchase a catalogación do patrimonio musical de todas as sedes galegas

O profesor da Area de Música do Departamento de Historia da Arte da USC, Javier Garbayo Montabes, acometerá en breve os labores de catalogación dos fondos que constitúen o Arquivo de Música da Catedral de Lugo, a única das sedes galegas que ten pendente esta tarefa que permite coñecer a parte máis importante do patrimonio musical galego.
Na investigación, que dirixirá o profesor Garbayo grazas a un convenio de colaboración asinado co IGAEM, colaborarán ademais os profesores Juan Gil Rodríguez López e Fernando Villa Vieiro, vinculados en diferentes ocasións á Universidade de Santiago como colaboradores habituais da Área de Música.
Os estudos de catalogación da música eclesiástica española contan na USC cunha sólida tradición iniciada polo que foi catedrático emérito de Historia da Música na Facultade de Xeografía e Historia, José López–Calo, que se centrou na Catedral de Santiago; e continuadas por Carlos Villanueva coas sedes de Tui e Mondoñedo; M. Pilar Alén na Colexiata de Sta. María da Coruña; e polo propio profesor Garbayo, que recentemente publicou o Catálogo da Catedral-basílica de San Martín de Ourense.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.07.2007.