Pasar al contenido principal

Unha ollada ás culturas lusófonas nunha nova exposición colectiva na USC

Público asistente á presentación da exposición 'Ollando a Lusofonía. Exposición fotográfica colectiva’
Público asistente á presentación da exposición 'Ollando a Lusofonía. Exposición fotográfica colectiva’
A mostra fotográfica inaugúrase este martes na Facultade de Filosofía

Nove artistas de diferentes países lusófonos e de Galicia expoñen os seus traballos na mostra ‘Ollando a Lusofonía. Exposición fotográfica colectiva’ que se inaugura este martes na Facultade de Filosofía de Compostela. Ao acto acuden o vicerreitor de Cultura da USC, Elias J. Torres Feijó; o director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), Carlos Vales; e Xacobe Meléndrez Fassbender, un dos fotógrafos que participan.
A exposición forma parte da programación cultural do I Congreso Internacional de Educación Ambiental dos Países Lusófonos e Galicia que terá lugar na USC entre o 24 e 27 de setembro deste ano e que tenta ser unha mostra das culturas dos distintos países que participarán no evento como Brasil, Mozambique ou Angola.
Mostrar os contrastes e a unión destes países lusófonos aos visitantes é o obxectivo das 95 fotografías que retratan pequenos trazos da súa paisaxe e das súas xentes. Na iniciativa participan Sebastião Salgado e Vitor Nogueira, de Brasil; o portugués Antonio Campos; o galego Xacobe Meléndrez; o caboverdiano Xulio Villarino; Mário Jaleco, que retrata Mozambique e Angola; Jorge Rosmaninho, de Guinea Bissau; Ricardo Franca, con fotografías de San Tomé e Príncipe; e Katia Silva, de Timor Leste.
A mostra poderá visitarse ata o 19 de outubro en tres sedes distintas, nas Facultades de Filosofía e de Ciencias da Comunicación e na Biblioteca Universitaria Concepción Arenal.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.09.2007.