Pasar al contenido principal

Un total de 1.266 estudantes da Universidade de Santiago participan no programa Materias Ponte

Estudantes matriculados por vez primeira na USC cursan dende o pasado luns materias de nivelación
Estudantes matriculados por vez primeira na USC cursan dende o pasado luns materias de nivelación
Con esta iniciativa, a USC busca que os alumnos matriculados por vez primeira adecúen o seu nivel de coñecemento á carreira correspondente

Un total de 1.266 estudantes matriculados por vez primeira na USC están a cursar dende o pasado luns algunha das trece Materias Ponte que ofrece a Universidade de Santiago. As clases, previas ao inicio do curso académico e computables posteriormente por tres créditos de libre configuración, céntranse naquelas cuestións que os centros universitarios consideran mínimos necesarios para comezar a correspondente titulación.
Durante este curso académico, as materias ofertadas a través desta iniciativa son sete no Campus de Santiago e seis no de Lugo. En Compostela impártense clases de Matemáticas con diversas orientacións en función da titulación do estudante, así como de Física, Química, Latín, Inglés, Francés e Lingua Galega. No campus lugués as materias son Debuxo, Física, Química, Matemáticas, Latín e Lingua Galega. De todas estas clases, as máis demandadas son as de Matemáticas, Físicas e Química.
As sesións celebraranse ata o 28 de setembro, agás para os alumnos de Francés que deberán asistir do 8 ao 22 de outubro. Como máximo, cada estudante pode cursar dúas materias de nivelación. Ademais, a USC facilita prazas nas residencias universitarias para as persoas que teñan problemas de transporte ou aloxamento durante os días que se celebre o curso.
TitulaciónsNo Campus de Santiago, esta oferta docente diríxese aos estudantes que van comezar as titulacións de Óptica e Optometría, Enxeñaría Química, Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas, Administración e Dirección de Empresas, Economía, Bioloxía, Farmacia, Filoloxía, Física, Historia, Historia da Arte, Matemáticas e Química, todas elas en Santiago.
Para o Campus de Lugo, as materias están orientadas aos alumnos das enxeñarías técnicas agrícolas; Enxeñaría Técnica en Topografía; Enxeñaría Técnica en Obras Públicas, Transportes e Servizos Urbanos; Enxeñaría Técnica Industrial, especialidade en Química Industrial; Ciencias Empresariais, Filoloxía Hispánica, Humanidades e Veterinaria.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.09.2007.