Pasar al contenido principal

Cento trinta alumnos de trinta e tres países participan na vixésima edición dos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de fóra de Galicia

De esquerda a dereita: a directora do ILG, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; a secretaria...
De esquerda a dereita: a directora do ILG, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro; o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; a secretaria...

Cento trinta alumnos de trinta e tres países de todo o mundo asisten dende onte en Santiago aos Cursos de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros e para Españois de fóra de Galicia que este ano cumpren a súa vixésima edición. Organizados polo Instituto de Lingua Galega da Universidade de Santiago, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, polas anteriores convocatorias dos cursos pasaron xa máis de 1.900 alumnos.
Esta vixésima edición inaugurouse na Facultade de Filosofía da USC nun acto solemne no que participaron o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro; a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López; e o director dos cursos, Manolo González.
Deste xeito, ata o 27 de xullo permanecerán en Compostela alumnos de Alemaña, Armenia, Arxentina, Bélxica, Brasil, Chile, Colombia, Cuba, Eslovaquia, Estados Unidos, España, Finlandia, Francia, Gran Bretaña, Grecia, Hungría, A India, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Perú, Polonia, Portugal, República Checa, República Moldova, Romanía, Rusia, Serbia, Suíza, Ucraína, Venezuela e Xapón.
Os cursos ofrecen catro niveis, un máis que nas convocatorias pasadas, existindo dous elementais (básico e avanzado), un medio e un superior en filoloxía galega no que se aprenderán coñecementos específicos como lingüística, historia da lingua e sociolingüística, dialectoloxía e literatura galega. Ademais, o programa contempla excursións á Costa da Morte, ás Fragas do Eume e ás Rías Baixas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.07.2007.