Pasar al contenido principal

A restauración da Maza da Universidade, primeiro acordo entre USC e Ourives Compostela

Maza da USC
Imaxe de arquivo da Maza da USC. Foto: Santi Alvite
As dúas entidades asinaron un convenio marco que regulará a súa cooperación en materia de investigación, documentación ou extensión cultural arredor dos fenómenos cuncheiro, prateiro, acibecheiro e bronceiro da cidade compostelá

A USC e a Asociación Ourives de Compostela asinaron un convenio marco de colaboración para o desenvolvemento de accións conxuntas en materia de investigación, documentación e extensión cultural naquelas áreas relacionadas cos fenómenos cuncheiro, prateiro, acibecheiro e bronceiro da cidade compostelá. Logo do acto de sinatura, representantes de ambas as dúas entidades mantiveron unha reunión de traballo na que se acordou a restauración da maza da USC ao longo deste ano 2020.

En primeiro lugar, acometerase un informe de avaliación da peza que permitirá establecer o procedemento de cara á súa restauración, con particular atención ao coidado dos materiais, integridade da peza e prazos de tempo. O traballo será executado por Julio Lado, ourive compostelán que en 2016 foi galardoado co Premio de Artesanía de Galicia en recoñecemento á súa traxectoria. O mazo da institución compostelá en prata sobredourada está datado entre 1805 e 1833. Esta peza antigamente empregábase en actos solemnes como a obtención do grao de Licenciado ou Doutor. Na actualidade, abre a procesión que precede aos actos solemnes da Universidade como son a apertura do curso, a celebración de Santo Tomé de Aquino e o investimento de profesorado doutor honoris causa.

Acto de sinatura
O reitor Antonio López Díaz e o presidente de Ourives Compostela, Arturo Ouro Hortas, asinaron este xoves o documento que define o marco de actuación entre ambas as dúas entidades, nun acto protocolario en San Xerome. O acordo contempla, entre outras iniciativas, a execución de proxectos e programas de investigación, divulgación e documentación, así como a cooperación en programas de formación de persoal docente e investigador e técnico ou a convocatoria de premios de investigación para traballos relacionados coa pratería, acibecharía e xoiería compostelá, dirixidos a alumnado que realice os seus traballos fin de grao ou mestrado ou teses de doutoramento.

Tamén se regula o asesoramento mutuo e a colaboración na organización e execución de actuacións de extensión. Este convenio marco terá unha vixencia de catro anos renovables automaticamente.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.01.2020.