Pasar al contenido principal

O ránking URAP destaca a USC a nivel internacional pola súa calidade académica

 A USC ocupa o posto 412 neste ranking  pola calidade da súa actividade académica. FOTO: Santi Alvite
A USC ocupa o posto 412 neste ranking pola calidade da súa actividade académica. FOTO: Santi Alvite
Esta clasificación sitúa a institución compostelá no posto 412 logo de analizar un total de 3000 universidades en todo o mundo
Lugo, Santiago de Compostela

O University Ranking by Academic Performance (URAP) sitúa a USC no posto 412 pola calidade da súa actividade académica logo de analizar un total de 3000 institucións universitarias en todo o mundo. No contexto estatal, a Universidade ocupa o posto número doce con respecto ás 61 universidades españolas incluídas na listaxe.

De entre os distintos aspectos analizados polo ranking, a USC destaca especialmente no relativo ás citas recibidas entre os anos 2013 e 2017, en publicacións situadas no primeiro, segundo e terceiro cuartil segundo o Journal Impact Factor. Asemade, a Universidade tamén destaca no impacto total dos seus artigos, así como en produtividade científica. O resto dos eidos abordados polo ranking e nos que tamén destaca a institución compostelá, son as colaboracións internacionais, o impacto total das citas, así como a totalidade de documentos publicados, incluíndo, por exemplo, relatorios ou recensións, ademais dos artigos.

Un total de 2500 institucións lograron entrar nesta listaxe que acaba de difundir URAP, organización sen ánimo de lucro establecida dende 2009 no Informatics Institute of Middle East Technical University. O obxectivo principal de URAP é o de desenvolver un sistema de clasificación para as universidades mundiais baseado en indicadores de rendemento académico que reflictan a calidade e a cantidade das súas publicacións científicas.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.01.2020.