Pasar al contenido principal

O pintor Pedro Ávila Durán expón parte da súa obra en Fonseca

Fonseca acolle parte da obra de Pedro Ávila. FOTO: Santi Alvite
Fonseca acolle parte da obra de Pedro Ávila. FOTO: Santi Alvite
A mostra ‘Vanitas Vanitatis’ recolle parte da súa obra de temática absolutamente libre

O pintor Pedro Ávila Durán ve recollida parte da súa obra na mostra ‘Vanitas Vanitatis’ inaugurada este xoves 16 no Salón Artesonado do Colexio de Fonseca. A pintura de Pedro Ávila Durán é “absolutamente libre”. A súa obra está nutrida, en canto a liñas temáticas, por belos corpos, moitas veces espidos. Tamén lle interesa fixar a súa mirada naquel recuncho do seu estudo que lle mostra importantes libros relativos a artistas que admira e que, en certo xeito, propician claves de cales son os seus gustos e onde poden atoparse referentes para a súa propia obra.

Outra cuestión que lle ocupa é todo aquilo que ten que ver coa vida saudable, desde ese criterio pinta, por exemplo, mazás, e cando abre, nalgún caso, a porta dunha neveira o que hai dentro sempre son alimentos idóneos para o coidado da saúde. Isto lévalle a  rotular, en máis dun caso, as botellas de auga para testemuñar, dese modo, as súas preferencias. A morte é, asemade, un asunto que lle importa; neste sentido séntese debedor daqueles artistas barrocos que pintaban vanitas.

Pedro Ávila Durán móvese, segundo destaca o comisario da mostra José Manuel García Iglesias nun contado repertorio de contidos, é dicir, “nunha perpetua investigación despregada a partir dunha sólida formación e dun sentido do  experimentalismo innato”. Óleo, acuarela, ou grafito, acollen, entre outros soportes, a súa obra, malia conformar o papel a súa preferencia.

A produción artística recollida na exposición “non deixa de ser, ao seu modo, expositiva dado que contén un relato. Hai no seu facer un discurso coherente porque é sempre academicamente correcto e tamén imaxinativo e único”. Ese sentido de excepcionalidade outórgallo, precisamente, o debido valor á autoría á que responde. “Estamos ante un artista con moitos anos de traballo, no seu corazón e nas súas mans, cunha traxectoria sólida e seria. Que pinta máis para si mesmo que para os demais”, sinalan dende a organización da mostra. “Mazás, belos corpos humanos, caveiras, libros, ou auga embotellada, convertidos, en cada caso, nunha lección de pintura propia”, apuntan. Creador en distintas mostras individuais e colectivas, Pedro Ávila Durán naceu en Jaraíz de la Vera (Cáceres) en 1954. Licenciado en Belas Artes pola Facultade de Santa Isabel de Hungría de Sevilla, desde 1978 reside en Santiago de Compostela.

Fonseca acolle parte da obra de Pedro Ávila. FOTO: Santi Alvite
Fonseca acolle parte da obra de Pedro Ávila. FOTO: Santi Alvite
Fonseca acolle parte da obra de Pedro Ávila. FOTO: Santi Alvite
Fonseca acolle parte da obra de Pedro Ávila. FOTO: Santi Alvite
Fonseca acolle parte da obra de Pedro Ávila. FOTO: Santi Alvite
Fonseca acolle parte da obra de Pedro Ávila. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.01.2020.