Os romanos xa contaminaban
Investigadores da USC acaban de descubrir que a contaminación ambiental leva afectando á vida das persoas durante máis de 2000 anos, tal e como pon de manifesto o estudo de esqueletos da época romana e medieval no noroeste da Península. “A minería e a metalurxia masivas deses séculos reflíctense á perfección nos ósos das persoas que viviron nese ambiente contaminado”, explica a directora da investigación, Olalla López Costas, que destaca a presenza de chumbo e mercurio nos esqueletos analizados na necrópole da Lanzada.
“Os habitantes de época romana tiñan contidos de chumbo e mercurio dúas veces superiores aos da época medieval inmediatamente posterior, con independencia da idade ou o sexo dos individuos”, sinala López Costas. Isto implica que toda a poboación estivo suxeita a esta contaminación e que esta chegaba principalmente por vía aérea, sen relación estreita por tanto cos seus modos de vida ou alimentación. Esta investigación permitiu confirmar, ademais, o que xa revelaron no seu tempo os rexistros de metais tóxicos, como o chumbo, preservados nas turbeiras do Xistral en Lugo: o período romano representou un clímax na contaminación atmosférica debido á intensa actividade mineira e metalúrxica que tivo lugar no noroeste, como nas Medulas, e outras rexións de España.
O estudo, recentemente publicado na revista Science of the Total Enviroment, está liderado por López Costas, xunto con Noemí Álvarez Fernández e Antonio Martínez Cortizas, investigadores do grupo EcoPast da USC, xunto a un elenco de colaboradores de Suecia, Reino Unido, Alemaña e Bélxica que permitiu descubrir ata onde chega a pegada da contaminación en período romano.
A contaminación queda nos ósos
O estudo destaca que a contaminación por metais pesados como chumbo e mercurio afectaría a toda a poboación. “A contaminación, e en especial a dos metais, tan prexudicial para o noso corpo, é unha consecuencia da actividade humana e leva afectándonos desde os seus inicios. É o prezo que levamos pagando. Hai individuos romanos que presentan ata un 85% do chumbo dos seus ósos proveniente de contaminación, mentres que en época medieval cando baixa a actividade tamén diminúe o sinal nos esqueletos. Todo isto nun xacemento afastado dos grandes focos da minería como é A Lanzada”, explica López Costas.
O prezo para pagar desde o inicio dos tempos
O equipo apunta a que este estudo demostra que en calquera tempo pasado sempre houbo un custo para pagar polo que chamamos civilización e este afectaba a todas as persoas. Este traballo, buque insignia dun proxecto sobre o efecto da contaminación por metais no pasado en Europa, desvela ademais que os ósos arqueolóxicos son un arquivo directo dos cambios ambientais. Na actualidade, no grupo EcoPast, están a realizarse dúas teses doutorais, unha sobre mercurio en ósos humanos e outra sobre chumbo en ósos animais de diversos períodos, para avanzar no coñecemento das repercusións da contaminación atmosférica.
A importancia do xacemento da Lanzada
Unha vez máis a necrópole da Lanzada, obxecto de numerosos estudos previos, demostra o seu gran peso para explicar o pasado galaicoromano. Nesta ocasión, os investigadores valéronse dos restos óseos achados nas dúas áreas de enterramento, unha de época romana e outra medieval, que cobren un período continuo de 700 anos, algo único na Península Ibérica.