Pasar al contenido principal

Tecnoloxías emerxentes para transformar a docencia

A USC ocupa o terceiro posto en Europa en coordinación de proxectos de cooperación entre universidades. FOTO: Santi Alvite
A USC ocupa o terceiro posto en Europa en coordinación de proxectos de cooperación entre universidades. FOTO: Santi Alvite
Ciencias da Educación bota a andar o proxecto EKT que conta cun millón de euros para a súa execución
Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias da Educación acolle este martes 21 e mércores 22 de xaneiro a reunión de posta en marcha do proxecto Educational Knowledge Transfer (EKT), un consorcio de alianzas para o coñecemento que coordinará a USC a través da Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización e no que participan tamén outras institucións de España, Austria, Irlanda, Portugal, Bélxica e Reino Unido. EKT traballará durante tres anos no desenvolvemento de metodoloxías colaborativas educativas baseadas en contornas dixitais, involucrando a membros de tres eixos: centros educativos (colexios e profesores), universidades (Facultades de Educación e investigadores), e empresas e institucións tecnolóxicas (especificamente as que ofrecen servizos de `e-learning´). 

No acto inaugural celebrado esta mañá interviron a investigadora principal do proxecto e presidenta da Conferencia Nacional de Decanos de Educación, Carmen Fernández Morante; o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez e a comisionada do Campus da Cidadanía, Nieves Lagares Díez. 

“A Unión Europea ten claro cales son as súas políticas educativas, xa que un dos seus principais retos é a adquisición de competencias en tecnoloxías emerxentes. Trátase dun proxecto estratéxico para a reforma da educación e da profesión docente que se está poñendo en marcha en España”, sinala Carmen Fernández Morante. “Por outra banda, supón un reto na dixitalización da educación, xa que confire un carácter práctico a diferentes tecnoloxías, facendo que sexan converxentes entre sí converténdose en interoperables”, engade. 

Posible implantación do MIR educativo
EKT traballará no desenvolvemento e experimentación de metodoloxías educativas colaborativas nun marco tecnolóxico intelixente e escalable dirixido aos estudos oficiais de educación inicial de profesores en educación infantil, primaria e secundaria. Os resultados do proxecto contribuirán eficazmente á revisión e mellora da aprendizaxe dos futuros profesores e ao seguimento no seu período de prácticas na escola, traballando na posible implantación do MIR educativo. 

O Consorcio EKT está formado por centros educativos (universidades e escolas) e, na parte galega, ademais do grupo Tecnoeduc de Ciencias da Educación participarán tamén o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) da USC a compañía multinacional galega de teleformación Netex. Na parte tecnolóxica, liderada por CESGA, traballarase no desenvolvemento dunha solución que resposte ás necesidades destas institucións cun modelo de formación, que conta con contornas de aprendizaxe e colaboración moi diversas. Crearanse diversas ferramentas de comunicación como campus virtuais,  e-portfolios ou aplicacións móbiles que proporcionen a estudantes e docentes un ambiente de aprendizaxe e colaboración, cunha xestión e seguimento eficaz e flexible.

A USC conseguiu na convocatoria da Comisión Europea a adxudicación de tres proxectos sobre investigación educativa que contarán cun orzamento total que supera o millón e medio de euros para a súa execución a través de Tecnoeduc (grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa) da Facultade de Ciencias da Educación e a Vicerreitoría de Internacionalización e Estudantes. Todas as iniciativas están enmarcadas na investigación docente a través de tecnoloxías emerxentes e abranguen diferentes etapas do ensino, dende a escola ata a educación superior. Na convocatoria foron presentados un total de 199 solicitudes, das que só 31 foron aprobadas, acadando a USC a primeira posición en financiamento da convocatoria. Dous destes proxectos serán coordinados pola institución compostelá e no terceiro participará en calidade de universidade socia. 

A USC ocupa o terceiro posto en Europa en coordinación de proxectos de cooperación entre universidades. “Esta posición de liderado veuse reflectida na última convocatoria, na que captou preto de cinco millóns de euros a través do programa Erasmus + K2 logo de ser elixida coordinadora de tres proxectos, o máximo permitido, que favorecerán o desenvolvemento de capacidades en materia de ensino superior e xuventude, en distintas rexións do continente asiático”, sinala o vicerreitor de Internacionalización e Estudantes, Víctor Arce Vázquez.
 

Os membros do consorcio posan tras a reunión de posta en marcha do proxecto. FOTO: Santi Alvite
Os membros do consorcio posan tras a reunión de posta en marcha do proxecto. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.01.2020.