Pasar al contenido principal

Máis de 130 docentes abordan a innovación docente no eido da Enxeñaría Química

Este foro reúne na Escola Técnica Superior de Enxeñaría a máis de 130 docentes de 30 universidades españolas ata o vindeiro venres 24. FOTO: Santi Alvite
Este foro reúne na Escola Técnica Superior de Enxeñaría a máis de 130 docentes de 30 universidades españolas ata o vindeiro venres 24. FOTO: Santi Alvite
A clausura deste foro na ETSE combinarase cos actos en homenaxe a Juan M. Lema Rodicio co gallo da súa xubilación
Santiago de Compostela

O Departamento de Enxeñaría Química e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría en colaboración coa Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Química impulsan o V Congreso de Innovación Docente en Enxeñaría Química. Este foro reúne na Escola Técnica Superior de Enxeñaría a máis de 130 docentes de 30 universidades españolas ata o vindeiro venres 24. 

O congreso sirve para abordar “diversos aspectos que son importantes no proceso educativo de cara a atinxir unha formación nos egresados o suficientemente versátil que poida afrontar as demandas que as empresas demandan dos titulados do Grao e Mestrado en Enxeñaría Química”, tal e como apuntan dende a organización. As metodoloxías docentes na aula e no laboratorio, a formación máis alá das aulas, o seguimento, avaliación e acreditación das titulacións, a metodoloxía informática e TIC ou a ética e sustentabilidade, son algunhas das temáticas abordadas. 

Juan M. Lema Rodicio
A clausura do congreso servirá tamén como marco para o acto de homenaxe ao profesor Juan M. Lema Rodicio co gallo da súa xubilación. Presidido polo reitor Antonio López o acto desenvolverase a partir das 17.30 horas na ETSE. Ademais do propio homenaxeado, intervirán no acto os profesores da USC Alberto Arce Arce e Ramón Méndez Pampín; así como Carles Solà Ferrando da Universidade Autónoma de Barcelona, Fernando Fernández-Polanco da Universidade de Valladolid e Pilar Bermejo Barrera da Real Academia Galega de Ciencias, presidida polo propio Lema Rodicio. No acto, proxectaranse vídeos de Gatze Lettinga, honoris causa pola USC da Universidade de Wageningen en Holanda; así como de Willy Verstraete da Universidade de Ghent en Bélxica.

No Hostal dos Reis Católicos, ás 19.45, celebrarse outro acto na honra do homenaxeado. A apertura correrá a cargo de Gumersindo Feijoo Costa, Vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC. No acto tamén tomarán parte Noa Díaz Varela, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago de Compostela; e Mª Jesús Tallón Nieto, subdirectora Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia. Un cóctel de benvida na Sala do Arte con música a cargo de Anne Toming e unha cea de homenaxe na Capela Real, ás 21.00 horas, pecharán a xornada. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.01.2020.