Pasar al contenido principal

Compostela, espazo de reflexión sobre a simboloxía franquista

A mostra poderá visitarse na Alameda compostelá ata o 6 de febreiro
A mostra poderá visitarse na Alameda compostelá ata o 6 de febreiro. Foto: Santi Alvite
Unha mostra situada no Paseo Central da Alameda aborda ata o 6 de febreiro os lugares de morte e enterramento en Galicia durante a Guerra Civil
Santiago de Compostela

A mostra itinerante ‘Deconstruír o franquismo’, impulsada polo grupo de investigación da USC Histagra e polo Observatorio Europeo de Memorias da Fundación Solidaridad da Universidade de Barcelona, chegou este xoves a Santiago para facer da cidade compostelá, un espazo de reflexión sobre a simboloxía da ditadura. A mostra atópase situada no Paseo Central da Alameda.

Os comisarios da exposición e profesores da USC na Facultade de Xeografía e Historia, Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho, salientan que esta iniciativa “inclúe preproducións fotográficas de espazos e simboloxía franquista que perduran ou que foron esquecidos pola cidadanía de Santiago de Compostela e unha cartografía interactiva que trae ao espazo público os lugares de morte e enterramento en Galicia durante a guerra civil”. O acto inaugural estivo presidido pola vicerreitora de Organización Académica, Celia Besteiro, e no mesmo tamén tomou parte o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo.

A mostra preséntase en cinco etapas, dende a ‘Persistencia’ do franquismo ás ‘Ausencias’ de memoria. O traxecto descóbrenos as ‘Veladuras’ do franquismo retirado pero recuperable, as ‘Amnesias’ que debuxan unha auténtica cartografía do terror e as ‘Expropiacións’ de significado de lugares e símbolos. A exposición permanecerá no Paseo da Alameda ata o vindeiro 6 de febreiro en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas, de luns a venres. Sábados e domingos o horario estenderase de 12.00 a 14.00 horas.

Asemade, a sociedade cooperativa Rexenerando, impulsa un roteiro para o vindeiro 1 de febreiro, ás 11.00 horas, cunha duración aproximada de dúas horas. Pode obterse máis información sobre o mesmo no enderezo electrónico info [at] rexenerando.com (info[at]rexenerando[dot]com)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.01.2020.