Pasar al contenido principal

Erasmo de Róterdam na Compostela do século XVI

A mostra manterase aberta ata o 14 de marzo. FOTO: Santi Alvite
A mostra manterase aberta ata o 14 de marzo. FOTO: Santi Alvite
Unha mostra sobre a súa obra botou a andar este xoves co Colexio de Fonseca e manterase aberta ao público ata o vindeiro 14 de marzo
Santiago de Compostela

A exposición ‘Erasmus  Compostellanus: As obras de  Erasmo de  Róterdam, na Compostela do século  XVI’ alberga dende este xoves 23, na capela do Colexio de Fonseca, unha selección representativa do legado deste humanista tal e como se conserva no fondo histórico da USC. “Algúns dos exemplares expostos son pezas únicas en España”, afirman dende o comisariado da mostra, como sucede coa súa edición de Oictys Cretensis, que pertenceu á biblioteca particular de Don Jerónimo de Acevedo, terceiro conde de Monterrey. 

A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, presidiu o acto inaugural da mostra no que tamén tomou parte María Isabel Casal Reyes, directora da Biblioteca Universitaria da USC; e os comisarios da exposición Jorge Ledo Martínez e Justo Carnicero Méndez-Aguirre. 

“A través dos seus ex libris, cada un destes exemplares mostra a enorme variedade de lectores e de expectativas de lectura que concitaba a obra de Erasmo: desde os máis xerais selos de pertenza a colexios da Compañía de Xesús, pasando por célebres propietarios como o licenciado Molina -autor da Descripción de Galicia-, ata chegar a fray Diego de Zúñiga e ao doutor Frechilla, amigo íntimo de fray Luis de León, o primeiro, e membro do comité que valorou a heterodoxia do agustino, o segundo”, apuntan os comisarios da mostra. “Quizais resulte elocuente ao lector o feito de que sexan os exemplares dos denunciantes e dos membros de tribunais inquisitoriais os máis libres de marcas censoras”, sinalan.
 

A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, presidiu o acto inaugural da mostra no que tamén tomou parte María Isabel Casal Reyes, directora da Biblioteca Universitaria da USC; e os comisarios da exposición Jorge Ledo Martínez e Justo Carnicero Méndez-Aguirre. FOTO: Santi Alvite
A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, presidiu o acto inaugural da mostra no que tamén tomou parte María Isabel Casal Reyes, directora da Biblioteca Universitaria da USC; e os comisarios da exposición Jorge Ledo Martínez e Justo Carnicero Méndez-Aguirre. FOTO: Santi Alvite

A última vitrina da exposición está composta por unha pequena mostra de obras actuais que supuxeron un cambio na percepción do impacto e da importancia de Erasmo na coroa de Castela durante o Renacemento. Nela atópanse Erasmo y España de Marcel Bataillon, cuxa primeira edición apareceu publicada en 1937; a edición conmemorativa do estudo de Eugenio Asensio titulado El erasmismo y las corrientes espirituales afines. Conversos, franciscanos, italianizantes; a edición de Dámaso Alonso da tradución quinientista ao castelán do Enchiridion ou a anónima e hai pouco descuberta de Jorge Ledo e Harm den Boer do Encomium Moriae, que se fai acompañar pola tradución ao galego que a USC publicou en 2004 de Eloxio da loucura. 

A mostra conta co apoio das Universidades de Santiago, A Coruña e Córdoba e manterase aberta ata o vindeiro 14 de marzo de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.  
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.01.2020.