Unha guía didáctica sobre augas mineromedicinais para alumnado de primaria e ESO
A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia presentou este mércores a guía Os balnearios de Galicia. Descubre as súas posibilidades para a saúde. Esta publicación está dirixida a profesorado de primaria e ESO para achegar ao alumnado coñecementos sobre augas mineromedicinais.
A guía, obra dos profesores da USC Lorena Casal Otero, Beatriz Cebreiro López e Carmen Fernández Morante, así como polo profesor emérito Juan Jesús Gestal Otero, director da Cátedra, e a investigadora Alba Elena Martínez Santos, consta de cinco apartados nos que se combinan texto e ligazóns con diferentes materias didácticos dixitais.
No primeiro apartado, estúdase o ciclo da auga na natureza e a súa importancia para a saúde, mentres que no segundo defínense as augas mineromedicinais, a súa orixe, clasificación e propiedades. Na terceira unidade didáctica, analízanse as diferenzas entre balneoterapia e hidroterapia e os seus procedementos de aplicación; e na cuarta defínese o balneario, os seus usos terapéuticos e de lecer, a cura balnearia, os diferentes métodos de aplicación das augas mineromedicinais e as principais patoloxías que se tratan nos balnearios. Asemade, mediante realidade aumentada, “ofrécese a posibilidade de visitar os 21 balnearios de Galicia e coñecer o tipo de augas que teñen e os tipos de patoloxías que tratan”, apunta Juan Gestal Otero, director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia. Finalmente, no quinto apartado, preséntase a Cátedra e as actividades que dende ela se están levando a cabo.
O acto estivo presidido polo reitor Antonio López quen puxo de manifesto que o feito de que este non sexa un libro convencional, senón unha guía didáctica, constitúe un “valor fundamental” que serve para que nenos e mozos valoren a auga “como instrumento de terapia”. Na presentación, tamén tomou parte Carmen Pomar Tojo, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, quen agradeceu á USC e á Cátedra “este material interactivo dixital, de ineludible calidade e que vai contribuír á difusión dun dos nosos tesouros máis abundantes como fonte de saúde e de lecer”.
Nava Castro Domínguez, directora da Axencia de Turismo de Galicia, entidade financiadora da Cátedra de Hidroloxía Médica USC - Balnearios de Galicia; Juan Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións da USC; Marisol Espiño, presidenta da Asociación da Propiedade Balnearia de Galicia; Lorena Casal Otero, membro do Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC e autora do libro; e Juan Gestal Otero, director da Cátedra, tamén interviñeron no acto de presentación desta guía didáctica.