Pasar al contenido principal

A USC vístese de Concepción Arenal

Nesta iniciativa, colaboran as persoas encargadas da coordinación de igualdade dos respectivos centros. FOTO: Santi Alvite
Nesta iniciativa, colaboran as persoas encargadas da coordinación de igualdade dos respectivos centros. FOTO: Santi Alvite
As alumnas están chamadas a acudir ás aulas vestidas con indumentaria masculina este xoves 30 e venres 31 para homenaxear á escritora ferrolá que se fixo pasar por home para poder asistir a clase
Santiago de Compostela

As alumnas da USC acudirán a clase este xoves 30, vestidas con indumentaria masculina para renderlle homenaxe á escritora ferrolá Concepción Arenal, a primeira muller en asistir a unha universidade española. A Facultade de Formación do Profesorado no Campus de Lugo, así como as Facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias Políticas e Sociais, Filosofía, Matemáticas, Ciencias da Educación, Óptica e Optometría e Química en Santiago marcarán o inicio do ano Concepción Arenal acollendo distintas performances que pretenden render homenaxe a esta precursora do feminismo que tivo que facerse pasar por home para poder recibir formación universitaria. 

Deste xeito, o alumnado de Química posará este xoves 30 para unha fotografía entre as 11.00 e as 11.10 horas ante a fachada do centro. Pola súa parte, en Filosofía, entre as 12.00 e as 12.30 horas, o alumnado tamén está chamado a posar no vestíbulo da Facultade. Ás 12.00 horas será tamén a quenda da Facultade de Ciencias da Educación no Campus Vida. Asemade, na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, entre as  12.50 e as 13.10 horas darase lectura, no exterior do centro ou no Salón de Actos, se o tempo así obriga, a unha escolma de afirmacións extraídas do texto que Concepción Arenal presentou ao Congreso Pedagóxico de 1892 baixo o título ‘La educación de la mujer’. Pola súa parte, o alumnado de Medicina e Odontoloxía incorpórase a esta iniciativa o venres 31, cun posado reivindicativo ás 11.20 horas ante a fachada do centro ao que lle seguirá un acto conmemorativo. En todas estas iniciativas, colaboran as persoas encargadas da coordinación de igualdade dos respectivos centros.

Programa de actividades
O 31 de xaneiro de 2020 conmemóranse douscentos anos do nacemento de Concepción Arenal Ponte, quen cursou estudos de Dereito, escritora, xornalista, poeta e autora dramática á que a USC quere renderlle homenaxe cunha nutrida axenda de actos que servirá para reivindicar a súa figura dende unha perspectiva multidisciplinar. Nesta liña, a maxistrada emérita e ex alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, impartirá este venres 31, a partir das 13.00 horas, un relatorio na Facultade de Dereito da USC, baixo o título ‘Concepción Arenal hoxe’. Ademais, o reitor, xunto ao alcalde de Santiago, tomará parte ese mesmo venres, ás 12.30 horas, no acto de inauguración do busto de Concepción Arenal nos xardíns detrás do Pazo de Raxoi. 

A Universidade traballa no desenvolvemento de diferentes iniciativas para homenaxear a esta xornalista, entre as que destaca unha exposición no Colexio de Fonseca, programada para o mes de setembro baixo o título ‘Concepción Arenal. A conciencia da razón’. O obxecto da mostra é achegar ao público a figura da escritura nas súas diferentes facetas e contextualizala na súa época. Permanecerá aberta ao público no Salón de Graos e na capela gótica do Colexio de Fonseca ata outubro. O material exposto procede dos fondos propios da USC, depositados na Biblioteca Universitaria, así como doutras institucións como o Museo de Pontevedra, Arquivo do Reino de Galicia, Cruz Roja Española, Fondo Guillermo Escrigas, así como da colección familiar. A profesora da USC, María Paz García Rubio, e o director da Biblioteca Concepción Arenal, José Francisco Méndez García, serán os comisarios da mostra, da que tamén formarán parte como equipo técnico María Alén e Ramón Pinal. Ademais do material expositivo exhibido, está previsto o desenvolvemento dun programa educativo en colaboración co Concello de Ferrol en forma de unidades didácticas para centros.

A celebración dun congreso internacional no mes de outubro, partindo da figura de Concepción Arenal, pretende levar a cabo unha reflexión sobre as súas facetas máis destacadas tecendo lazos cara ao presente. O congreso quere dar cabida a enfoques diversos -xurídicos, sociolóxicos, literarios, históricos, ou pedagóxicos- que estuden ben a figura da propia Concepción Arenal, ben aspectos da súa obra e actividades ou ben poñan en relación o seu papel con debates científicos sobre os ámbitos aos que ela dedicou a súa vida.  

Música e literatura
Outro dos elementos deste bicentenario será a expresión artística materializada nun ciclo de concertos, en cuxa concepción e desenvolvemento colabora o grupo de investigación Organistrum. O criterio na selección do repertorio estará guiado pola súa relación con Concepción Arenal desde diferentes ángulos: compositores do Rexurdimento que formaban parte dos salóns habituais da época como o moi coñecido de Emilia Pardo Bazán ou obras do violinista Jesús de Monasterio, amigo íntimo da autora, e do seu alumno Andrés Gaos. Dada a importancia dentro do feminismo de Concepción Arenal, farase especial fincapé en incorporar compositoras e intérpretes mulleres.

Asemade, a USC súmase á iniciativa do Ateneo Compostelá de acometer a publicación dunha edición facsimilar das obras La mujer del porvenir e La mujer de su casa, textos seminais para entender o pensamento feminista da autora ferrolá. Esta edición contará cun estudo introdutorio a cargo da profesora Carmen Blanco da Facultade de Humanidades. Nesta mesma liña, a Universidade publicará dentro da colección Clásicos do Pensamento Universal, colección coeditada coa Fundación BBVA, a tradución ao galego da obra El visitador del preso. 

Baixo a asesoría do departamento de Historia da Arte estase a traballar no deseño dunha intervención escultórica a modo de vitor. Ademais, impulsarase o premio ‘Concepción Arenal’ en Ciencias Sociais e Xurídicas e Humanidades. Un ciclo de conferencias a celebrar ao longo do ano por especialistas na figura da escritora en colaboración con foros cidadás; así como a colaboración con Institucións Penitenciarias para a difusión do pensamento de Concepción Arenal nos cárceres; e algunha intervención do eido teatral completan o programa de actividades. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.09.2020.