Pasar al contenido principal

XuvenCiencia achégase aos máis cativos

Nenos e nenas, nun obradoiro de XuvenCiencia
Nenos e nenas, nun obradoiro de XuvenCiencia
XuvenCiencia levará ao CEIP Paradai de Lugo obradoiros de robótica, alimentación saudable e xestión da auga, enfermaría, botánica, e fibra óptica ou, entre outros, ADN co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia
Lugo

O grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC está a preparar unha xornada especial no CEIP Paradai de Lugo para celebrar o Día da Muller e a Nena na Ciencia o vindeiro 12 de febreiro. Unha vintena de investigadoras da USC (profesoras, doutorandas e estudantes dos últimos cursos de grao) desenvolverán durante toda a xornada un proxecto pioneiro con obradoiros adaptados para o alumnado deste centro público, que conta con trescentos nenos e nenas de entre tres e doce anos de idade.

O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia foi proclamado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas para a súa conmemoración o 11 de febreiro, co obxectivo de investir tempo e recursos na formación das nenas para corrixir a fenda de xénero nas profesións científico-tecnolóxicas, xa que tanto a ciencia como a igualdade de xénero son fundamentais para un crecemento verde e para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). O grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia e o colexio de Paradai escolleron o día seguinte, o mércores 12 de febreiro, para artellar unha auténtica xornada de celebración arredor da investigación e dos experimentos científicos.

Un xogo de pilla-pilla arredor da cadea trófica e actividades de robótica para os pequechiños de educación infantil, traballo sobre a alimentación saudable e a xestión responsable da auga para as e os estudantes de primeiro e segundo de primaria, unha introdución ás curas de enfermaría e á botánica adecuada ao alumnado de terceiro e cuarto e a experimentación coa fibra óptica e os elos das cadeas de ADN para a rapazada de quinto e sexto de primaria son algunhas das actividades que se propoñen. Asemade, poñerase en marcha unha adaptación do obradoiro A ciencia como profesión, unha das actividades incluídas no kit Photonics Explorer do proxecto de XuvenCiencia para secundaria, que serve para desmontar prexuízos de xénero arredor dos oficios científicos.

17 obradoiros e 22 participantes
Para desenvolver toda a programación do Día da Muller e a Nena na Ciencia no colexio de Paradai (serán 17 obradoiros e algunha actividade a maiores), o alumnado contará co apoio de integrantes do grupo XuvenCiencia e tamén cun equipo de 22 persoas entre investigadoras, doutorandas e estudantes dos últimos cursos de diferentes graos que se imparten na USC, como Bioloxía, Veterinaria, Enfermaría, Nutrición, as enxeñarías agronómicas e forestais, Robótica ou Formación do Profesorado. Esta programación será levada adiante grazas ao Programa de Voluntariado e Participación Social e coa colaboración da asociación de investigadores AgroMar, ambos os dous do campus de Lugo da USC. Participan tamén por parte da USC a Cátedra do Pan da USC e o grupo de investigación de Análise Sensorial, Valoración Nutricional e Desenvolvemento de Novos Alimentos (ASVNDNA).

A coordinadora de XuvenCiencia, a profesora de Química Física da facultade de Ciencias Mercedes Novo Rodríguez, considera que contar de referentes, neste caso investigadoras e científicas novas, que desenvolven un traballo atractivo e útil para a sociedade, mesmo de prestixio, adoita ser o primeiro paso para que prenda nas nenas unha vocación con forza abonda como para rachar coas barreiras  de xénero impostas e liberarse do “chan pegañento” que a cotío lastra a carreira de moitas mulleres novas.

Mercedes Novo sinala que tanto ela como as compañeiras e compañeiros en XuvenCiencia amósanse “ilusionados” e “tremendamente agradecidos” coa oportunidade que lles brinda o CEIP Paradai de Lugo de levar adiante un convenio para trasladarlles a súa actividade tanto ao alumnado coma ao profesorado de primaria e infantil, que é un propósito “longamente perseguido” polo grupo XuvenCiencia. “Levamos unha xeira importante de actividades enfocadas ás vocacións adolescentes e servindo de canle de comunicación entre a educación universitaria e o ensino medio. Agora damos un pasiño máis e incorporamos a Infantil e a Primaria, que son a porta de entrada a todos os coñecementos e que constitúen a base de canto logro se acade máis adiante”.  

O Día da Muller e da Nena na Ciencia organízase como actividade complementaria de XuvenCiencia. Fago logo aprendo!, un proxecto do campus de Lugo que para o curso 2019/2020 recibe o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnogía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, logo de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.01.2020.