Pasar al contenido principal

Concepción Arenal, hoxe

Busto na honra de Concepción Arenal. FOTO: Santi Alvite
Busto na honra de Concepción Arenal. FOTO: Santi Alvite
A inauguración dun busto e unha conferencia da ex maxistrada Manuela Carmena, punto de partida para o programa de actividades co que a USC conmemora o bicentenario do nacemento da escritora ao longo de 2020
Santiago de Compostela

Os actos para conmemorar o bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Ponte, escritora, xornalista, poeta, autora dramática e precursora do  feminismo no século XIX, botaron a andar este venres na USC. A inauguración dun busto na honra da escritora e unha conferencia da ex maxistrada Manuela Carmena, conformaron o punto de partida para un nutrido e multidisciplinar programa de actividades que se desenvolverán ao longo de todo 2020. 

O reitor Antonio López tomou parte xunto ao alcalde Xosé Sánchez Bugallo na inauguración dun busto na honra de Concepción Arenal nos xardíns de detrás do Pazo de Raxoi. No acto tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño. O reitor lembrou como Concepción Arenal consideraba que as estatuas debían “limitarse a xenios, á santidade ou ao heroísmo” e que unicamente a “posteridade era o único xuíz competente”. Partindo desta consideración, o reitor cualificou como “un acto de xustiza” a conmemoración da figura de Concepción Arenal, pioneira na defensa dos dereitos das mulleres e de colectivos desfavorecidos a través da súa faceta de visitadora de prisións. 

Conferencia de Manuela Carmena
Centos de persoas congregáronse este venres no Salón de Actos da Facultade de Dereito noutro dos actos que nutriron esta primeira xornada que a USC impulsou na honra de Concepción Arenal, coincidindo xusto coa data do bicentenario do seu nacemento. No relatorio ‘Concepción Arenal Hoxe’, a ex maxistrada e ex alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, analizou a figura desta precursora do feminismo, á que tamén definiu como unha “gran comunicadora” xa que ler a “Dona Concha”, afirmou, é “coma se estivésemos falando con ela”. 

Cando a obra El visitador del preso, caeu nas mans da, por aquel entón xuíza de vixilancia penitenciaria, Carmena constatou que a reflexión que sobre as prisións se desenvolvía a través desas páxinas era absolutamente “actual”. De feito, a propia Carmena acabaría realizando un prólogo para esa obra en 1991. A ex maxistrada explicou na súa conferencia na USC como Concepción Arenal tivo que agardar anos ata ver publicada en España esa obra, a cal veu a luz orixinariamente en Francia. Carmena coincide, tal e como facía Concepción Arenal nesas páxinas, en que “hai persoas que non deberían estar en prisión”. “Concepción insistía na necesidade do encontro emocional cos presos, en chegar ás persoas”, afirmou. A relatora estivo acompañada, ademais de polo reitor, pola decana de Dereito, Ana Gude. 

Ademais, tal e como xa sucedeu este xoves, alumnas e traballadoras da USC asistiron aos seus respectivos centros de traballo vestidas de home para poñer en valor a figura desta precursora do feminismo que se tivo que facer pasar por home para poder recibir formación universitaria. Este venres foi a quenda da Facultade de Medicina e Odontoloxía, onde unha ampla representación das mulleres do centro luciron garabata e chapeu para lembrar a Concepción Arenal. 

Actividades ao longo de 2020
A Universidade traballa no desenvolvemento de diferentes iniciativas para homenaxear a esta escritora ao longo de 2020, entre as que destaca unha exposición no Colexio de Fonseca, programada para o mes de setembro baixo o título ‘Concepción Arenal. A conciencia da razón’. O obxecto da mostra é achegar ao público a figura da escritura nas súas diferentes facetas e contextualizala na súa época. Permanecerá aberta ao público no Salón de Graos e na capela gótica do Colexio de Fonseca ata outubro. A profesora da USC, María Paz García Rubio, e o director da Biblioteca Concepción Arenal, José Francisco Méndez García, serán os comisarios da mostra, da que tamén formarán parte como equipo técnico María Alén e Ramón Pinal. Ademais do material expositivo exhibido, está previsto o desenvolvemento dun programa educativo en colaboración co Concello de Ferrol en forma de unidades didácticas para centros.

A celebración dun congreso internacional no mes de outubro, partindo da figura de Concepción Arenal, pretende levar a cabo unha reflexión sobre as súas facetas máis destacadas tecendo lazos cara ao presente. Outro dos elementos deste bicentenario será a expresión artística materializada nun ciclo de concertos, en cuxa concepción e desenvolvemento colabora o grupo de investigación Organistrum. O criterio na selección do repertorio estará guiado pola súa relación con Concepción Arenal desde diferentes ángulos: compositores do Rexurdimento que formaban parte dos salóns habituais da época como o moi coñecido de Emilia Pardo Bazán ou obras do violinista Jesús de Monasterio, amigo íntimo da autora, e do seu alumno Andrés Gaos. Dada a importancia dentro do feminismo de Concepción Arenal, farase especial fincapé en incorporar compositoras e intérpretes mulleres.

Asemade, a USC súmase á iniciativa do Ateneo Compostelá de acometer a publicación dunha edición facsimilar das obras La mujer del porvenir e La mujer de su casa, textos seminais para entender o pensamento feminista da autora ferrolá. Esta edición contará cun estudo introdutorio a cargo da profesora Carmen Blanco da Facultade de Humanidades. Nesta mesma liña, a Universidade publicará dentro da colección Clásicos do Pensamento Universal, colección coeditada coa Fundación BBVA, a tradución ao galego da obra El visitador del preso. Baixo a asesoría do departamento de Historia da Arte estase a traballar no deseño dunha intervención escultórica a modo de vitor. Ademais, impulsarase o premio ‘Concepción Arenal’ en Ciencias Sociais e Xurídicas e Humanidades. Un ciclo de conferencias a celebrar ao longo do ano por especialistas na figura da escritora en colaboración con foros cidadás; así como a colaboración con Institucións Penitenciarias para a difusión do pensamento de Concepción Arenal nos cárceres; e algunha intervención do eido teatral completan o programa de actividades. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.09.2020.