Pasar al contenido principal

Alumnas da USC desenvolven un proxecto de cooperación internacional en Honduras

As alumnas participan das distintas fases dun proxecto de cooperación internacional
As alumnas participan das distintas fases dun proxecto de cooperación internacional
Ciencias da Educación impulsa esta iniciativa pioneira na que o alumnado pode realizar o ‘practicum’ compartindo experiencias de traballo con persoas doutras latitudes
Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias da Educación da USC acaba de poñer en marcha unha iniciativa pioneira que permite, da man dunha organización galega, realizar o practicum do seu alumnado en terreo, nun proxecto de cooperación internacional. Lorena Trillo López, Stefany Marian Sanabria Fernandes e Mónica Rodríguez Somoza, alumnas de cuarto curso de Educación Social, xa se atopan en Honduras onde pasarán case dous meses coa organización Sur en Acción, socia neste país da entidade galega Solidariedade Internacional de Galicia. Ao longo deste tempo, participarán das distintas fases dun proxecto de cooperación internacional tales como a súa identificación, planificación e implementación.

“Con esta iniciativa preténdese que o alumando teña a oportunidade de viaxar a outros contextos e compartir experiencias de traballo con persoas doutras latitudes, adquirindo así esa mirada global que de seguro repercutirá na adquisición de novas competencias no seu quefacer profesional futuro”, apunta Silvana Longueira Matos, profesora e responsable da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC. 

“Nas súas prácticas integrarán elementos teóricos e prácticos adquiridos na súa formación académica, potenciarán as súas capacidades para avaliar a realidade social e planificarán estratexias para a transformación social, ao mesmo tempo que abordarán a prevención, redución ou solución das problemáticas sociais a  partir das distintas funcións profesionais da súa formación”, sinala Longueira Matos. 

Esta iniciativa, forma parte do proxecto ‘A Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global (EDCG) na formación dos profesionais da educación: construíndo o ámbito de educación’ financiado por Cooperación Galega da Xunta de Galicia ao Grupo de Investigación TeXe e que pretende incluír o desenvolvemento sustentable e as competencias para unha cidadanía global na formación que imparte a USC.
 

Lorena Trillo López, Stefany Marian Sanabria Fernandes e Mónica Rodríguez Somoza son alumnas de cuarto curso de Educación Social
Lorena Trillo López, Stefany Marian Sanabria Fernandes e Mónica Rodríguez Somoza son alumnas de cuarto curso de Educación Social
Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.02.2020.