Pasar al contenido principal

A USC celebra o martes 11 de febreiro o Día da Muller e da Nena na Ciencia

A visibilidade das científicas, así como o empredemento feminino serán algunhas das cuestións abordadas nestes foros. FOTO: Santi Alvite
A visibilidade das científicas, así como o empredemento feminino serán algunhas das cuestións abordadas nestes foros. FOTO: Santi Alvite
A Oficina de Igualdade de Xénero impulsa dúas xornadas nos campus de Santiago e Lugo nas que se abordará a visibilidade das científicas, así como o emprendemento feminino neste eido
Lugo, Santiago de Compostela

Os campus de Santiago e Lugo serán sede o vindeiro 11 de febreiro de dúas xornadas que servirán para conmemorar o Día da Muller e da Nena na Ciencia. A visibilidade das científicas, así como o empredemento feminino serán algunhas das cuestións abordadas nestes foros. 

A V Xornada Mulleres na Ciencia desenvolverase na Facultade de Ciencias da Comunicación a partir das 16.00 horas. A xornalista Iolanda Casal moderará unha mesa redonda integrada por Pablo Francescutti da Universidad Rey Juan Carlos, Leonor Parcero de DivulgAcción, e Tamara Montero da asociación Xornalistas Galegas. O foro servirá para debater sobre a visibilidade das mulleres científicas e no marco do mesmo, desenvolverase a Asemblea Xeral Ordinaria de Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal). A inscrición para esta xornada pode realizarse premendo nesta ligazón ata o día 10 de febreiro. 

Campus de Lugo
Pola súa parte, o salón de actos da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo acollerá o mesmo martes 11, a partir das 12.00 horas, a II Xornada Mulleres Ciencia e Tecnoloxía na que se desenvolverá unha mesa redonda sobre emprendemento feminino con base científico-tecnolóxica. Maruxa García Quiroga de TasteLab, empresa de tecnoloxía en análise sensorial; Carme Cillero Castro de 3Edata, empresa de enxeñaría ambiental; Tamara Arango López de BeWell, empresa de certificación de benestar animal; e Mª Ángeles Novo Martínez de ‘Ángeles Novo Nutrición’, tomarán parte nesta iniciativa que contará coa moderación de Carla Reyes Uschinsky, periodista e presidenta de Executivas de Galicia. A inscrición para esta xornada pode realizarse premendo nesta ligazón ata o día 10 de febreiro.

Outras actividades
A obra teatral ‘Foto 51’ e a mesa redonda ‘Muller e ciencia’ terá lugar o mesmo día, ás 20.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Bioloxía. Esta iniciativa está organizada polo propio centro e os grupos de investigación de Estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural (GEMAP) e de Ecotoxicoloxía e Ecofisioloxía Vexetal (ECOTOX) da USC. Unha masterclass de física de partículas de 9.30 a 17.00 horas, na Facultade de Física, completa o programa de actividades destinado á celebración do Día da Muller e da Nena na Ciencia o 11 de febreiro. 

Con todo, diferentes iniciativas nesta mesma liña iranse desenvolvendo ao longo deste mes. A conferencia ‘Mujeres y ciencia: ¿la química funciona?” a cargo de Marta Macho Stadler, desenvolverase o 19 de febreiro, ás 13.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Química. Asemade, o relatorio ‘Ada Lovelace e as pioneiras informáticas’ a cargo de Amelia Verdejo Rodríguez, terá lugar o 10 de febreiro ás 12.00 horas no Salón de actos do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS).
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.02.2020.