Pasar al contenido principal

Paso de xigante na loita contra o cancro

Laboratorio da USC. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
Laboratorio da USC. Imaxe de arquivo. FOTO: Santi Alvite
A USC descobre un mecanismo de mutación clave na abordaxe desta enfermidade

Santiago de Compostela

Investigadores da USC acaban de descubrir un mecanismo de mutación implicado no desenvolvemento dos cancros humanos que pon no punto de mira aos retrotransposóns, rexións de ADN ata agora ignoradas que explican a orixe e progresión de certos tumores e abren novas vías de prevención e tratamento desta enfermidade.  O traballo, o maior realizado ata a data no campo da xenómica do cancro, inclúe a análise xenómica de tumores en case 3.000 pacientes e 38 tipos diferentes de cancro. Este traballo enmárcase no consorcio internacional Pan-Cancer, unha iniciativa de enorme envergadura para o estudo das bases xenéticas do cancro, na que participaron durante sete anos preto de 1.000 investigadores de todo o mundo.

Os resultados desta investigación foron publicados este mércores por Nature e Nature Genetics. Segundo o primeiro asinante do traballo e investigador da USC, Bernardo Rodríguez-Martín, “identificamos un novo mecanismo de mutación que consiste en que cando os retrotransposóns se mobilizan no xenoma tumoral, algo que ocorre con máis frecuencia que nas células non tumorais, poden producir perdas enormes de material xenético no punto no que se integran”. 

“Estas perdas causadas pola integración de retrotransposóns poden implicar a desaparición de xenes que son importantes no mantemento do funcionamento normal dunha célula e, cando isto ocorre, facilita a aparición do cancro. Esta nova clase de mutación en cancro é particularmente frecuente en catro tipos: esófago, cabeza e pescozo, pulmón e colorrectal”, conclúe Rodríguez-Martín. 

Os científicos pensan que este descubrimento terá un impacto a curto prazo na mellora dos diagnósticos oncolóxicos e no prognóstico sobre a evolución dos pacientes; e a medio prazo nos tratamentos dirixidos a frear este mecanismo de mutación, algo no que o equipo de investigación xa está a traballar.

Unha posible solución médica rescatada do lixo
Os retrotransposóns representan unha parte importante do noso material xenético, ata un 75%, e foron ata non fai moito considerados ‘ADN lixo’ debido á súa natureza repetitiva e ausencia aparente de funcionalidade. Este concepto erróneo levou a moitos científicos a non profundar no seu papel determinante no cancro. Fronte a isto, José M.C. Tubío, director do grupo Xenomas e Enfermidade do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas  da USC (CiMUS) e o seu equipo, veñen desenvolvendo dende 2010 “algoritmos bioinformáticos dirixidos ao estudo desta materia escura e atopamos varios tesouros”, apunta. 

Só 16 retrotransposóns, os volcáns que hai que vixiar
Non satisfeitos con descubrir a importancia dos retrotransposóns, os investigadores da USC quixeron ir máis alá e acoutar o campo de estudo. Por iso traballaron para identificar aqueles que teñen maior actividade no xenoma tumoral, xa que serían estes cara aos que habería que dirixir as terapias. Conseguiron sinalar entre 100 e 150 retrotransposóns que se activan no cancro. De todos eles, tan só 16 son de especial interese porque son moi activos causando máis das tres cuartas partes de todas as mutacións orixinadas nun tumor. “Estes retrotransposóns compórtanse como volcáns, podendo estar silenciados durante moito tempo e, de súpeto, estourar de forma moi violenta, promovendo decenas ou centos de mutacións no xenoma tumoral”, explica Tubío.

Aplicación clínica
Os investigadores xa traballan para poder trasladar os resultados da súa análise á clínica. Segundo Bernardo Rodríguez-Martín “a curto prazo, esperamos que teñan impacto na mellora dos diagnósticos e no prognóstico sobre a evolución dos pacientes oncolóxicos. De feito, dispomos de datos preliminares”. Tubío engade que “no noso laboratorio xa estamos a levar a cabo pequenas probas de concepto, probando diferentes tratamentos para frear este proceso mutacional tan relevante nalgúns tipos de cancro”. “Mentres todos os meus compañeiros centraban a súa atención nos xenes do noso xenoma, eu dedicábame a buscar no ADN lixo”, apunta o doutor Tubío. 
 

Tubío, no centro da imaxe, co seu equipo
Tubío, no centro da imaxe, co seu equipo
Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.02.2020.