Pasar al contenido principal

Patrocinio Morrondo renova mandato á fronte da ACSUG

Patrocinio Morrondo Pelayo. Foto: Santi Alvite
Patrocinio Morrondo Pelayo. Foto: Santi Alvite
A catedrática da área de Sanidade Animal da USC salienta o traballo da ACSUG a prol da calidade do SUG e defende a súa capacidade para validar títulos universitarios
Lugo, Santiago de Compostela

A catedrática da área de Sanidade Animal da USC e profesora da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Patrocinio Morrondo Pelayo, vén de ser nomeada presidenta do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) para un segundo mandato, tal e como se publica este mércores no Diario Oficial de Galicia.

Patrocinio Morrondo, que xa ocupou a presidencia da ACSUG durante os últimos catro anos, vén de ser renovada para a cargo a proposta da conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo, logo de escoitar aos reitores e aos presidentes dos consellos sociais das universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Como presidenta da ACSUG, Morrondo Pelayo desenvolverá as funcións de representación institucional da referida axencia, ao tempo que lle corresponde presidir o Consello Reitor e as sesións que celebre este órgano, ademais de supervisar as actividades desenvolvidas.

O Consorcio da ACSUG ten como obxecto crear un marco de colaboración e coordinación entre a Administración, as universidades galegas e outros organismos de Educación Superior e avaliación da calidade, tanto nacionais como internacionais, a fin de intercambiar opinións, debater e xuntar esforzos a prol da mellora da calidade e prestixio do SUG, lembrou Patrocinio Morrondo.

A catedrática da Área de Sanidade Animal da USC sinalou tamén, logo de facerse público o seu nomeamento, que a ACSUG vén de renovar en outubro de 2019 por terceira vez (2009, 2014) a súa pertenza como membro de pleno dereito da European Association for Quality Assurance in Higher Education (ENQA), unha entidade á que pertencen un selecto grupo de 58 axencias europeas.

A ACSUG tamén é unha axencia recoñecida por outros organismos como a European Consortium for Accreditation (ECA), que garanten a calidade da docencia das universidades europeas, sinalou Morrondo Pelayo, para quen a pertenza á ENQA e o recoñecemento por parte do Consorcio Europeo para a Acreditación son requisitos indispensables para que as entidades como a ACSUG poidan verificar e acreditar títulos universitarios do Sistema Universitario de Galicia. Ata o momento, engade Morrondo,  a ACSUG é a única axencia de calidade española que acredita titulacións en diversas universidades de Latinoamérica e de Asia Central.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.02.2020.