Pasar al contenido principal

EPS de Enxeñaría e Facultade de Ciencias impulsan o primeiro programa de graos abertos da USC

Laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
Laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
O Consello de Goberno deu tamén luz verde aos mestrados que concorrerán á convocatoria de mención de excelencia da Xunta
Lugo, Santiago de Compostela

O Consello de Goberno da USC aprobou este venres a que será a primeira proposta de programa de graos abertos da USC, impulsada pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e a Facultade de Ciencias, ambas as dúas pertencentes ao campus de Lugo. O documento que define a proposta establece que o modelo de grao aberto conforma unha estratexia axeitada para acadar unha maior eficiencia no uso dos recursos, ampliar as posibilidades de elección do alumnado e reducir as taxas de abandono e cambio de estudos. 

A oferta dun grao aberto na rama de ‘Enxeñaría e Arquitectura’ permite presentar, a xuízo dos dous centros impulsores, un sistema de educación superior mais amplo e competitivo que favoreza a atracción de estudantes doutras comunidades e doutros países e mellore o intercambio universitario. O grao aberto proposto combina materias de cinco graos, onde o estudantado pode cursar 90 créditos cun recoñecemento mínimo de 60 créditos cursados no grao finalmente elixido. Na fase de implantación, o número de prazas ofertadas para cada programa será de dez o que permitiría a constitución dun grupo propio de docencia interactiva.
Mención de excelencia

Os mestrados en Enxeñaría ambiental; en Enxeñaría química e de bioprocesos; o interuniversitario en Investigación química e química industrial; o de Matemática industrial (interuniversitario con institucións do SUG , Carlos III e Politécnica de Madrid); e o mestrado en Psicoloxía Xeral Sanitaria son os cinco títulos cos que a USC concorrerá á convocatoria da Xunta para  a  concesión  da  mención  de  excelencia  a  titulacións universitarias oficiais de mestrado, impartidas no SUG no presente curso académico. A proposta de solicitudes suplentes está integrada, por orde de prioridade, polos mestrados en Dirección de Proxectos, Desenvolvemento Económico e Innovación, Acuicultura e Química Órgánica. 

Esta distinción pretende favorecer a posta en marcha de medidas de mellora da calidade na oferta de másteres universitarios no SUG, de cara a satisfacer a necesidade de formación especializada, tanto profesionalizante como de carácter investigador, que vén requirindo a contorna socioeconómica máis inmediata. Como se sinala na convocatoria autonómica, o outorgamento da mención de mestrado excelente é a resposta aos retos de modernización e innovación a que se enfrontan as universidades e permitirá a estas titulacións contar cunha diferenciación e identificación coa calidade e o prestixio, potenciar a actividade docente e investigadora e incrementar o seu atractivo e capacidade de retención de talento.

A esta convocatoria, cada universidade pode achegar un máximo de cinco propostas que serán valoradas tendo en conta aspectos xerais do título; cadro docente, o plan de xestión do mestrado; plan de estudos; resultados; e posibilidade de emprendemento.

Axudas Beatriz Galindo
O Consello deu tamén o visto bo á proposta para concorrer ás axudas Beatriz Galindo, convocadas pola Secretaría de Estado de Universidades, Investigación, Desenvolvemento e Innovación, e destinadas á atracción de talento investigador que teña realizado parte da súa carreira profesional no estranxeiro. As universidades soamente poden presentar cinco candidaturas, que serán avaliadas por un panel internacional de expertos. 

Neste senso, a USC fai unha proposta para concorrer a estas axudas baseada no carácter estratéxico que ten para a institución o reforzo dun ámbito docente-investigador de impacto no seu proceso de especialización a partir da incorporación dun candidato de contrastada competencia científica e con capacidade para liderar o desenvolvemento proposto. De forma preferente a incorporación de novo talento investigador que propón o Programa deberá contribuír ao fortalecemento de áreas con necesidades docentes, o desenvolvemento de novos graos e/ou a consolidación dos Campus de Especialización. A proposta pretende cubrir todos os Campus de Especialización e as grandes áreas da USC.

Cátedras institucionais
O Consello de Goberno tamén trata o Regulamento de Creación e Réxime de Funcionamento de Cátedras Institucionais da USC, actualizando un documento previo de 2007. Neste senso, o Consello aborda a creación da Cátedra Institucional de Investigación Renal. 

Outros asuntos
O Consello aprobou tamén o Plan económico-financeiro correspondente a 2019-2020 logo do terse informado do mesmo na comisión mixta que remite ás comisións económicas do Claustro e do Consello Goberno así como á mesa de negociación da USC, e á espera do seu paso polo Consello Social. Igualmente, na xuntanza acordouse iniciar os trámites para a cesión da Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega.

Na xuntanza ademais tratouse o acordo sobre recoñecemento do tempo de prestación do servizo militar obrigatorio, a modificación do regulamento de xestión patrimonial da USC, o recoñecemento do complemento de excelencia curricular docente e investigadora correspondente á convocatoria de 2018 ou a modificación do regulamento de selección de profesorado non permanente. Outros asuntos abordados foron o informe sobre a negociación colectiva relativo ao persoal contratado con recursos de I+D+i, a modificación do grao en Psicoloxía e as propostas de estudos propios e as súas memorias, xunto coa modificación da Política de Seguridade da Información ou os premios extraordinarios de grao e mestrado.

Completan a orde do día, a modificación do regulamento de selección de persoal investigador e de apoio á investigación no marco de actividades e programas de I+D+i, transferencia de resultados, regulamentos, a autorización para a concorrer a unha convocatoria da Xunta para a adquisición de equipamento deportivo e convenios. Os logotipos da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, así como do Campus da Cidadanía conforman outras das cuestións tratadas polo Consello
 

Consello de Goberno. FOTO: Santi Alvite
Consello de Goberno. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.02.2020.