Pasar al contenido principal

Histagra impulsa un fondo coa documentación do movemento estudantil da USC entre 1960 e 2000

Histagra depositou a colección no AHUS para a súa correcta custodia. FOTO: Santi Alvite
Histagra depositou a colección no AHUS para a súa correcta custodia. FOTO: Santi Alvite
Xornais clandestinos ou material asembleario nutren esta colección documental que permanecerá aberta a futuras doazóns
Santiago de Compostela

O grupo de investigación da USC Histagra vén recibindo desde hai anos documentación de particulares relativa á loita estudantil na USC levada a cabo tanto durante a época franquista como na transición e na posterior etapa democrática. Este foi o punto de partida para, en colaboración co Arquivo Histórico, construír o fondo ‘Documentación da Oposición Antifranquista e Movemento Estudantil da Universidade de Santiago’ (DOAME), iniciativa que naceu coa intención de recoller, catalogar e conservar os materiais xerados polo estudantado. Este fondo pon en valor e a disposición das persoas interesadas “toda a información pública e privada xerada polo movemento estudantil entre 1960 e 2000”, afirmou este martes  o investigador principal de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto.  

Pasquíns, notas de prensa, discursos, apuntes varios, follas voandeiras, gravacións, fotografías e adhesivos, entre outros elementos relacionados co movemento estudantil e a súa historia, conforman Doame. O reitor Antonio López, e a directora do Arquivo Histórico Universitario da USC (AHUS),  Désirée Domínguez Pallas, acompañaron a Fernández Prieto, nun acto público que serviu para dar a coñecer os materiais cos que conta este fondo documental e que permanece aberto a futuras doazóns. O reitor quixo subliñar na súa intervención que DOAME constitúe “unha riqueza e un patrimonio fascinante”.

Na actualidade, cinco fondos nutren a DOAME, entre eles, o Fondo Rodríguez Holguín que conta con material das asembleas dos Comités Abertos da Facultade (CAF) dos anos oitenta e principios dos noventa. Pola súa parte, o Fondo Martínez Rivas consta de documentación dos CAF e das eleccións da USC; mentres que o Fondo Monterroso Devesa está conformado por documentos políticos e de propaganda do Partido Socialista Galego (PSG). O Fondo Fernández Prieto con documentación dos anos oitenta relativa a Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG), Comisión Intersindical Galega (CIG), Sindicato Galego do Ensino ea Investigación (SGEI), Adiante e CAF; e o Fondo García del Río con xornais clandestinos de oposición do Partido Comunista de Galicia (PCG), completan o material depositado en DOAME. 

Proceso aberto

Atendendo á importancia da documentación recibida, Histagra depositou a colección no AHUS para a súa correcta custodia, organización e conservación, así como a súa posta a disposición como fonte de investigación histórica. Con todo, este é un procedemento aínda aberto xa que as persoas interesadas en doar materiais poden poñerse en contacto con Histagra que será o receptor da documentación cedida para despois de inventariada cederlla para a súa custodia e acceso público ao AHUS, garante da non dispersión do fondo así como facilitador das consultas.
 

De esquerda a dereita, o profesor Fernández Prieto, o reitor Antonio López, e a directora do Arquivo Désirée Domínguez Pallas. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, o profesor Fernández Prieto, o reitor Antonio López, e a directora do Arquivo Désirée Domínguez Pallas. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 12.02.2020.