Os ‘Correspondentes Universitarios’ xa están en marcha
Difundir información de relevancia para a xuventude procedente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado entre o alumnado das universidades galegas, é a finalidade á que aspira o programa ‘Correspondentes Universitarios’ que este mércores botou a andar na USC. A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, presidiu o acto que marca o inicio do programa.
Xestionar un taboleiro no que haberá información sobre temas de interese para a xuventude e difundir esa información polo centros máis próximos; así como realizar difusión deses datos a través das canles que teñan ao seu dispor como poden ser as redes sociais ou en espazos como as residencias universitarias, son algunhas das accións que contempla este programa.
Cristina Pichel Toimil, directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado tomou parte tamén nun acto que serviu para facer entrega do Carné Xove aos participantes, así como para desenvolver unha charla técnica na que se abordaron cuestións tales como a organización do equipo, ou as funcións, obrigas e dereitos do correspondente universitario.
