Pasar al contenido principal

A USC achega a ciencia ás aulas de infantil e primaria

Escolares do CEIP Paradai de Lugo con autoridades e integrantes do grupo XuvenCiencia da USC
Escolares do CEIP Paradai de Lugo con autoridades e integrantes do grupo XuvenCiencia da USC
O grupo de innovación docente da USC XuvenCiencia, que coordina Mercedes Novo, desenvolve uns 20 obradoiros científicos no CEIP Paradai de Lugonos nos que participan 300 escolares de entre 3 e 12 anos de idade
Lugo

O grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC achega este mércores a experimentación científica ás aulas de infantil e primaria do CEIP Paradai de Lugo, no marco dunha xornada conmemorativa do Día da Muller e da Nena da Ciencia, durante a que está programado o desenvolvemento de preto de 20 obradoiros científicos, a través dos que se busca familiarizar a nenos e nenas coa robótica, a alimentación saudable e a xestión da auga, as curas de enfermaría e a botánica, e a fibra óptica e, entre outros, coa realidade do ADN.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, abriu esta xornada especial nun concorrido acto no que tamén participaron o concelleiro de Educación do Concello de Lugo, Felipe Rivas; a deputada provincial delegada da área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento; o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; a xefa territorial da Consellería de Educación en Lugo, Carmen Gueimunde, inspectores de Educación, ademais de docentes e do equipo de dirección do centro educativo lugués.

O desenvolvemento deste proxecto pioneiro de obradoiros científicos adaptados para o alumnado nenos e nenas de entre tres e doce anos de idade pretende contribuír a superar a fenda de xénero aínda persistente e que dificulta ou, cando menos, non favorece o acceso e a inmersión das nenas en disciplinas científico-tecnolóxicas.

Un xogo de pilla-pilla arredor da cadea trófica e actividades de robótica para os pequechiños de educación infantil, traballo sobre a alimentación saudable e a xestión responsable da auga para as e os estudantes de primeiro e segundo de primaria, unha introdución ás curas de enfermaría e á botánica adecuada ao alumnado de terceiro e cuarto e a experimentación coa fibra óptica e os elos das cadeas de ADN para a rapazada de quinto e sexto de primaria son algunhas das actividades propostas no marco desta xornada.

Os promotores desta iniciativa tamén aproveitaron o encontro con este grupo de escolares para poñer en marcha o obradoiro adaptado A ciencia como profesión, unha das actividades incluídas no kit Photonics Explorer do proxecto de XuvenCiencia para secundaria, que serve para desmontar prexuízos de xénero arredor dos oficios científicos.

Obradoiros e monitores

Para desenvolver toda a programación do Día da Muller e a Nena na Ciencia no colexio de Paradai (serán 17 obradoiros e algunha actividade a maiores), o alumnado contará co apoio de integrantes do grupo XuvenCiencia e tamén cun equipo de 22 persoas entre investigadoras, doutorandas e estudantes dos últimos cursos de diferentes graos que se imparten na USC, como Bioloxía, Veterinaria, Enfermaría, Nutrición, as enxeñarías agronómicas e forestais, Robótica ou Formación do Profesorado. Esta programación será levada adiante grazas ao Programa de Voluntariado e Participación Social e coa colaboración da asociación de investigadores AgroMar, ambos os dous do campus de Lugo da USC. Participan tamén por parte da USC a Cátedra do Pan da USC e o grupo de investigación de Análise Sensorial, Valoración Nutricional e Desenvolvemento de Novos Alimentos (ASVNDNA).

A coordinadora de XuvenCiencia, a profesora de Química Física da facultade de Ciencias Mercedes Novo Rodríguez, considera que contar de referentes, neste caso investigadoras e científicas novas, que desenvolven un traballo atractivo e útil para a sociedade, mesmo de prestixio, adoita ser o primeiro paso para que prenda nas nenas unha vocación con forza abonda como para rachar coas barreiras  de xénero impostas e liberarse do “chan pegañento” que a cotío lastra a carreira de moitas mulleres novas.

Mercedes Novo sinala que tanto ela como as compañeiras e compañeiros en XuvenCiencia amósanse “ilusionados” e “tremendamente agradecidos” coa oportunidade que lles brinda o CEIP Paradai de Lugo de levar adiante un convenio para trasladarlles a súa actividade tanto ao alumnado coma ao profesorado de primaria e infantil, que é un propósito “longamente perseguido” polo grupo XuvenCiencia. “Levamos unha xeira importante de actividades enfocadas ás vocacións adolescentes e servindo de canle de comunicación entre a educación universitaria e o ensino medio. Agora damos un pasiño máis e incorporamos a infantil e a primaria, que son a porta de entrada a todos os coñecementos e que constitúen a base de canto logro se acade máis adiante”.  

Estas actividade é complementaria da iniciativa XuvenCiencia. Fago logo aprendo!, un proxecto do campus de Lugo que este curso 2019/2020 recibe o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnogía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación, logo de ser valorado como o cuarto mellor proxecto dos máis de 250 de toda España presentados na categoría de ‘Creatividade e vocacións científicas’.

 

Autoridades políticas e académicas, na apertura dos actos desenvolvidos pola USC no CEIP Paradai
Autoridades políticas e académicas, na apertura dos actos desenvolvidos pola USC no CEIP Paradai
Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.02.2020.