Pasar al contenido principal

Sistemas agroforestais como antídoto contra os lumes

A investigación está liderada por Rosa Mosquera. FOTO: Pixabay
A investigación está liderada por Rosa Mosquera. FOTO: Pixabay
Agroforestry Systems salienta nun artigo internacional do que é autora a catedrática da USC na EPSE Rosa Mosquera as vantaxes da agroforestería fronte aos lumes forestais e sitúa Galicia como a rexión europea con maior densidade de incendios e máis superficie queimada
Lugo

As prácticas silvopastorais ou de agroforestería constitúen unha das alternativas máis acaídas para favorecer un uso sustentable da terra, ao tempo que contribúen a mitigar ou, cando menos, reducir os riscos de incendios forestais na Europa mediterránea, tal e como se conclúe no estudo internacional ‘Agroforestry as a sustainable land use option to reduce wildfires risk in European Mediterranean areas’. Este traballo vén de publicarse na revista científica Agroforestry Systems e do que é coautora a catedrática da USC na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo, Rosa Mosquera Losada, quen ademais é coordinadora do grupo de investigación Sistemas Silvopastorais.

Este estudo respecto dos beneficios que reportan os sistemas agroforestais a escala global é o resultado dun traballo colectivo no que participaron investigadores de universidades e centros de España, Italia, Grecia, Portugal e, entre outros, Reino Unido, ao abeiro de iniciativas internacionais como Afinet ou  Agforward, un proxecto de investigación financiado ao abeiro do Sétimo Programa Marco da Unión Europea para a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico desenvolvido entre 2014 e 2017. O obxecto deste programa é o da promoción de prácticas agroforestais acaídas para o desenvolvemento rural en Europa a partir da mellora da competitividade e dos valores sociais e ambientais das explotacións agropecuarias.

Unha vez rematada a execución das diversas actividades programadas ao abeiro destes programas, o estudo publicado agora na revista científica de referencia e con maior impacto no ámbito agroforestal, constata que os sistemas silvopastarais, nos que conviven prácticas agrarias e forestais, son unha alternativa eficaz para a prevención de lumes forestais. “Nas dehesas non hai incendios”, salienta Rosa Mosquera a xeito de conclusión.

Alén desta consideración, a profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC tamén destaca outros múltiples beneficios derivados das prácticas agroforestais, tal e como pode ser a conservación da biodiversidade, o maior secuestro de carbono, o aproveitamento do territorio e fixación de poboación relacionada coa súa explotación, o crecemento máis rápido das árbores e a maior calidade da madeira.... Estamos a falar de bioeconomía ou economía circular, un concepto agora en alza e que tamén é de máximo interese cando se tratar de avanzar na loita contra os efectos do cambio climático, comenta Rosa Mosquera.

As conclusións recollidas no artigo publicado en Agroforestry Systems permiten corroborar outros indicadores xa destacados en estudos anteriores, lembra a investigadora da USC, quen, sen embargo, destaca o eco acadado no panorama mundial por unha investigación centrada no contexto europeo, da que xa se fixeron eco medios de comunicación norteamericanos, como The Guardian.

Aldeas modelo e franxas secundarias

Rosa Mosquera sinalou asemade que o traballo do grupo de investigación Sistemas Silvopastorais da USC lidera xunto coa Xunta de Galicia e outros investigadores da UVigo un novo proxecto presentado a convocatorias europeas e que aspira a recibir un financiamento duns 10 millóns de euros.

O obxecto desta nova actuación, que coñecerá se conta con achega económica de fondos europeos ao longo do mes de maio, data na que está prevista a concesión dos recursos económicos habilitados para a primeira fase do proxecto, é o de afondar na protección dos núcleos de poboación e optimizar o aproveitamento agroforestal das franxas de territorio localizadas a máis de 50 metros de distancia das casas. Estas accións contribuirían ademais a fixar poboación nas áreas rurais, cara as que a Administración pretende atraer xente nova.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.02.2020.