Pasar al contenido principal

A USC bota a andar a primeira semana universitaria da Economía Social entre o 21 e o 28 de febreiro

Esta semana universitaria está convocada a nivel estatal pola Rede  ENUIES. FOTO: Santi Alvite
Esta semana universitaria está convocada a nivel estatal pola Rede ENUIES. FOTO: Santi Alvite
As iniciativas desenvolvidas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais forman parte dun programa composto por 72 actividades en 20 universidades de toda España
Santiago de Compostela

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais súmase á primeira semana universitaria da Economía Social que se desenvolverá nunha vintena de universidades de toda España entre o 21 e o 28 de febreiro. Celia Besteiro, vicerreitora de Organización Académica presentou este mércores o programa de actividades a desenvolver xunto a Covadonga Toca, secretaria Xeral de Emprego; Celso Gándara, presidente do Foro Galego pola Economía Social en Galicia; e Maite Cancelo, directora do Centro de Estudios Cooperativos (CECOOP) da USC.

Unha mostra con exemplos de empresas de éxito en diversos sectores e familias da Economía Social en Galicia e no Norte de Portugal servirá de paraugas para o nutrido programa de actividades ao longo de toda a semana na Facultade. Un conxunto de accións para dar a coñecer entre o estudantado as diferentes familias da Economía Social desde varias ópticas, en función do marco de cada materia, será outro dos puntos chave da iniciativa. O alumnado poderá traballar con datos, textos e modelos para visibilizar a Economía Social nuns títulos nos que non se conta con materias específicas sobre esta temática. As materias Desenvolvemento Económico, Estrutura Económica, Economía Política, Historia Económica, Habilidades Directivas, Contabilidade, Dereito e  Econometría serán as implicadas nesta acción. 

Ademais das actividades específicas que se desenvolverán nas aulas, o 26 de febreiro, a partir das 12.00 horas, desenvolverase a xornada ‘Unha perspectiva ética da empresa: a Economía Social dende as dimensións financeira, de gobernanza e igualdade’. Esta xornada consiste na presentación dos resultados dos mellores proxectos realizados polo estudantado das materias Fundamentos de Dirección de Empresas do primeiro curso do grao en Dirección e Administración de Empresas e Dirección Financeira II do cuarto curso da mesma titulación, dirixidos polas profesoras María Bastida e Loreto  Fernández. Estes traballos foron realizados dentro de distintas entidades que participaron no proxecto de Aprendizaxe-Servizo. Na xornada participarán representantes das entidades colaboradoras Coop 57 e Fiar, empresas beneficiarias do servizo e estudantado participante.

Esta semana universitaria está convocada a nivel estatal pola Rede  ENUIES de Centros e Institutos Universitarios de Investigación en Economía Social, do que forma parte o CECOOP da USC,  e está promovida por CIRIEC-España, centro de referencia na investigación e difusión da economía social a nivel internacional.

Un total de 72 actividades en 20 universidades distintas programáronse para os devanditos días, completando unha ampla e variada axenda de actos co obxectivo de dar a coñecer a intensa actividade e os resultados da investigación sobre o sector das cooperativas, sociedades laborais,  mutualidades, empresas sociais e terceiro sector de acción social en España.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.02.2020.