Pasar al contenido principal

O vínculo entre natureza e universo creativo, eixo da mostra ‘Manuel Vilariño. Rizoma’

A montaxe inclúe imaxes de gran formato en branco e negro e cor. FOTO: Santi Alvite
A montaxe inclúe imaxes de gran formato en branco e negro e cor. FOTO: Santi Alvite
A exposición conta cunha vintena de fotografías do artista de diversas épocas e formatos
Santiago de Compostela

A exposición ‘Manuel Vilariño. Rizoma’ trata de amosar a íntima relación entre a natureza e o universo creativo do fotógrafo, especialmente co territorio físico ao que o artista está máis vinculado, o bosque atlántico. A Igrexa da Universidade acolleu este mércores a inauguración desta exposición, nutrida cunha vintena de fotografías do artista de diversas épocas e formatos. 
 
O concepto filosófico ‘Rizoma’ desenvolvido por Deleuze e Guattari e no que se establece que calquera elemento pode incidir na concepción das partes dunha determinada estrutura, é o punto de partida desta nova mostra do fotógrafo Manuel Vilariño. “A árbore, o animal, a montaña, o océano son referentes imprescindibles na obra de Vilariño, tanto plástica como poeticamente, e a súa presenza é constante na súa produción”, apunta José Luís Estévez, comisario da mostra.

“O rizoma é unha unidade heteroxénea, en contraposición á lóxica binaria onde as relacións entre puntos sempre obedecen a unha orde intrínseca e a unha homoxeneidade. A traxectoria artística de Vilariño responde a esta filosofía onde os diferentes elementos traban relación entre si sen necesidade dun fío condutor que os conecte”, continúa o comisario. “Nas súas fotografías, o artista captura instantes cunha gran carga poética e que transmiten ao espectador emocións que van moito máis alá da súa aparencia. O seu maxistral dominio da técnica contribúe a ofrecer unha visión moi persoal da paisaxe, do animal e doutros elementos da natureza”, destaca Estévez.

A montaxe inclúe imaxes de gran formato en branco e negro e cor; tamén se exhibe un vídeo protagonizado polo propio artista e no que se fai alusión á súa relación coa natureza. A maior parte das obras exhibidas pertencen a Vilariño aínda que hai tamén préstamos de particulares e do Centro Galego de Arte Contemporánea. O artista estivo acompañado no acto inaugural polo reitor Antonio López, a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; José Luís Estévez, comisario da mostra; Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura e Turismo; e por Anxo Manuel Lorenzo Suárez, director Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia

A mostra impulsada pola USC en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo, manterase aberta ao público ata o vindeiro 2 de abril de luns a xoves en horario de 16.30 a 19.30 horas, e os venres de 11.00 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas. 
 

De esquerda a dereita, o comisario da mostra, José Luís Estévez; a vicerreitora Mar Lorenzo, o reitor Antonio López, o conselleiro Román Rodríguez, o artista Manuel Vilariño, e o director xeral Anxo Lorenzo. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, o comisario da mostra, José Luís Estévez; a vicerreitora Mar Lorenzo, o reitor Antonio López, o conselleiro Román Rodríguez, o artista Manuel Vilariño, e o director xeral Anxo Lorenzo. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.02.2020.