Pasar al contenido principal

Entroido, unha demostración por redución ao absurdo

Máscara tradicional do Entroido galego. Santi Alvite
Máscara tradicional do Entroido galego. Santi Alvite
Antropoloxía, etimoloxía e historia axudan a comprender a orixe e significado central do Entroido
Santiago de Compostela

O Entroido é unha das festas populares máis celebradas en toda Galicia. Hoxe enténdese coma un tempo lúdico, para gozar da gastronomía típica, ou mesmo facer falcatruadas. Porén, a longa tradición deste festexo agocha un sentido completo, e tamén a resposta a múltiples incógnitas en torno ao mesmo. Cal é a súa orixe? De onde vén o seu nome? Por que se usan máscaras ou se come cocido? Velaquí unha pequena viaxe polas raíces do Entroido galego.

A compoñente pedagóxica

“O Entroido tradicional foi concibido como a celebración do mundo ao revés, o escenario de todo o que está mal visto facer o resto do ano”, explica o antropólogo da USC Xosé Ramón Mariño. “Antigamente, o sentido do Entroido entendíase fronte á Coresma, que no cristianismo é o tempo da penitencia, da pureza e de pedir perdón polos pecados”, sinala Mariño, quen aclara que este xeito de concibir o Entroido xa non ten tanto peso na actualidade.

"O Entroido tradicional foi concibido como a celebración do mundo ao revés, o escenario de todo o que está mal visto facer o resto do ano"

Segundo o investigador, naquel momento o Entroido era o que en termos matemáticos se coñece coma “unha demostración por redución ao absurdo. Se durante todo o ano as persoas fixesen trasnadas ou pecasen de gula, luxuria e preguiza, o mundo sería absurdo, e esas son as condutas que se representan no Entroido”. Polo tanto, esta celebración tería unha certa compoñente pedagóxica. “Tamén por este motivo, cando remataba o Entroido, este era xulgado e condenado porque, de prolongarse no tempo, levaría ao desastre”, prosegue. “E xunto con el, xúlgase todo o que se fixo mal durante o ano, para non volver a caer nos mesmos erros”.

Aspectos de orixe moi diversa

A relación, aínda que sexa por oposición, entre Entroido e Coresma reflíctese tamén no calendario, dado que o primeiro se fixa en función da segunda, que á súa vez depende do Domingo de Pascua, “a festa central do cristianismo” segundo Mariño. “A primeira Coresma data do século IV, e non foi ata a Idade Media que xurdiu o Entroido”, engade o antropólogo, quen subliña os escasos datos ao respecto da orixe desta festa, dado que antes “non se estudaban tanto os costumes populares”.

Ana Isabel Boullon, do departamento de Filoloxía Galega da USC, tamén avala o tándem Entroido-Coresma, mais neste caso acude á vertente etimolóxica. “A palabra galega entroido ten orixe no latín introitus, que significaba entrada (da Coresma), derivada de introire, que significa entrar”. Esa é a forma estándar mais, de acordo co Instituto da Lingua Galega da USC (ILG), en Galicia tamén se documentan outras variantes que fan referencia a esta celebración, como antroido, entruido ou entrudio.

 

Infografía sobre as variantes da palabra Entroido. ILG USC
Infografía sobre as variantes da palabra Entroido. ILG USC

O experto conclúe que “en canto ao seu sentido, podemos falar do Entroido coma unha festa do cristianismo, pero toda relixión ten aspectos de orixe moi diversa, polo que non debe sorprendernos que, á súa vez, esta celebración poida presentar características do xudaísmo, do paganismo grecolatino...”.

As datas chave

“O Domingo de Entroido fíxase no calendario sete semanas antes do Domingo de Pascua, que é o inmediatamente posterior á primeira lúa chea tras o equinoccio de primavera”, sinala Mariño. Polo tanto, cada ano varía a data deste festexo. Porén, independentemente de cando coincida, en Galicia hai unha serie de días chave que veñen marcados polo Domingo de Entroido, e que están relacionados coa faceta de crítica social desta celebración.
 

Infografía sobre datas chave do Entroido en Galicia. Pilar Grela
Infografía sobre datas chave do Entroido en Galicia. Pilar Grela

No Domingo Oleiro, un grupo de persoas reunidas nunha praza e dispostas en círculo lanza olas de barro ao seu compañeiro do lado, quen debe atrapalas e lanzalas ao seguinte. “A medida que avanza o xogo, estas van caendo e rompendo, e dita ruptura simboliza a perda da virxindade, que no pasado se relacionaba coa luxuria”, explica Mariño. Nunha liña semellante, a actividade do Domingo Corredoiro consistía en “correr detrás dun galo ata atrapalo e, finalmente, matalo. Isto ten que ver coa fama de luxurioso que tradicionalmente se asociaba a este animal, e a súa morte era símbolo de condenar os vicios”.

O Domingo e o Martes de Entroido son os días grandes da festa. “Neles saen ás rúas as máscaras tradicionais máis relevantes que, ademais de vestirse, actúan conforme á figura á que representan”

Coincidindo en data co Domingo Oleiro, a tradición do Domingo Fareleiro é a de lanzar farelo (a parte externa do gran de trigo) aos viandantes. “O farelo era a comida que se lle daba aos animais, polo que este xogo ten que ver coa faceta do Entroido que fala de liberar a parte animal do ser humano nestes días, que cómpre reprimir o resto do ano”, di Mariño. “Ao botarse o farelo uns aos outros, estanse a chamar animais de xeito simbólico”.  Por outra banda, os Xoves de Compadres e Comadres, relacionados coa crítica social, apelan “á tradicional rivalidade entre homes e mulleres. A actividade consiste en facer un boneco que represente aos contrarios, burlarse del, e concluír coa súa queima”.

O Domingo e o Martes de Entroido son os días grandes da festa. “Neles saen ás rúas as máscaras tradicionais máis relevantes que, ademais de vestirse, actúan conforme á figura á que representan”, indica o antropólogo. Nalgunhas zonas, como Laza, o Martes de Entroido hai tradición de lanzar formigas aos peóns, “como emblema de que a celebración chega ao seu fin. A formiga, que encarna o traballo, simboliza que é momento de deixar atrás o Entroido e a preguiza asociada ao mesmo, e voltar á vida cotiá, dentro da cal se enmarca o traballo”, explica.

“En moitas zonas de Galicia, a tradición alargou o Entroido até o Mércores de Cinza, primeiro día da Coresma, no cal se leva a cabo o Enterro da Sardiña”, explica o experto. Engade que “antano tratábase dunha sardiña salgada, unha tapa tradicional que se daba nos bares e levaba a beber máis viño, motivo polo cal é o símbolo do Entroido. O enterro invirte as características dun enterro cristián: o crego non é crego, a auga bendita é unha auga calquera e, en lugar de incenso, queimábase algo que cheirase mal”. Isto concorda coa consideración do Entroido coma “o mundo ao revés”.

O Entroido a través das máscaras

As máscaras son un elemento fundamental desta celebración, aínda que ese aspecto mudou na actualidade e calquera disfrace é valido. No Entroido tradicional, as máscaras tiñan un sentido acorde ao do resto da festa. Velaquí algunhas das máis salientables en Galicia.
 

Infografía sobre algunhas das máscaras máis representativas. Pilar Grela
Infografía sobre algunhas das máscaras máis representativas. Pilar Grela

O peliqueiro de Laza, o cigarrón de Verín e o felo de Maceda representan a parte animal do ser humano. Levan elementos propios dos animais, como pelicas ou chocas, e non poden falar. “A idea de representar a carnalidade a través dun animal vén dos autos sacramentais da Idade Media (mentres que a alma se ilustraba coma unha moza alada)”, aclara Mariño. “Dita representación pode ser un animal en abstracto, que é o caso destas máscaras, ou un animal como tal, polo xeral aqueles que segundo a cultura popular teñen máis fama de luxuriosos. Un bo exemplo disto é o oso de Salcedo, outra máscara popular galega”.

Fronte ás representacións de animais, tamén hai varias representacións de demos, xa que “o tempo carnal é o tempo do demo, fronte ao resto do ano, que se consideraba tempo de Deus”. Un caso é o dos boteiros de Viana do Bolo, que veñen “da personaxe da literatura do Século de Ouro Pere Botero”, indica Mariño. Outro caso é o das pantallas de Xinzo de Limia, cuxas máscaras “representan a un diaño burlón, que simboliza a carnalidade divertida. Dentro desta tipoloxía tamén se encadran os folións de Manzaneda”.

Outra máscara típica é a de madamas e galáns, con “moita representación en Pontevedra, especialmente en Vilaboa”. Este disfrace consiste en vestir traxes moi elaborados, con sombreiros decorados e roupas elegantes. “Segundo as culturas gótica e románica, así coma no teatro do Século de Ouro, a luxuria é representada coma unha dama que só pensa na aparencia física, outro defecto da carnalidade que aflora no Entroido”, explica o docente da Facultade de Filosofía.

Cómpre mencionar unha máscara máis, relacionada co aspecto social do Entroido, a dos xenerais do Ulla, que “non representan a carnalidade pero si o mundo ao revés, xa que son un exército de burla”. Esta máscara “simboliza a rivalidade entre parroquias e a defensa da propia, e remata concluíndo que a relación entre veciños ten que ser de cordialidade”.

Unha celebración con valor gastronómico local

A comida típica de Entroido ten relevancia en tanto unha das características desta festa é a fartura no xantar. Ademais, os pratos típicos chegan a ser considerados produtos valiosos e representativos da cociña local. “O tempo de Entroido coincide coa matanza do porco, polo que os produtos derivados deste animal son predominantes”, aclara Xosé Ramón Mariño. O experto explica que na Galicia oriental son típicos os embutidos coma o botelo e a androlla, mentres que pratos coma o cocido (que ten moita fama en Lalín) ou o lacón se consumen en todo o territorio. Este último adoita acompañarse de grelos, unha verdura moi típica en Galicia con especial renome nas Pontes de García Rodríguez.

“O tempo de Entroido coincide coa matanza do porco, polo que os produtos derivados deste animal son predominantes”

Mariño pon énfase nas filloas, tamén propias de todo o territorio. “Hainas de moitos tipos, doces e salgadas, de caldo e de sangue. Estas últimas son típicas de Lalín ou Porto do Son, entre outros”, apunta. As orellas son unha das sobremesas máis características desta festa, comúns a toda Galicia. O antropólogo tamén chama a atención sobre a bica, que é típica da zona de Trives.
 

Infografía sobre a gastronomía típica do Entroido en Galicia. Pilar Grela
Infografía sobre a gastronomía típica do Entroido en Galicia. Pilar Grela

Modelo binario por oposición

Mariño conclúe que o Entroido responde a un modelo binario por oposición (o ben fronte ao mal, Deus fronte ao demo, a alma fronte ao corpo,...). “Isto non debe sorprender, xa que este modelo está presente en moitas relixións, e unha delas é o cristianismo, onde se encadra o Entroido tradicional”, explica. Na tradición galega, o Entroido é un tempo do demo, pero permitido. “Pode ser ata divertido, pero ten que servir para demostrar que non podemos vivir nun Entroido permanente se queremos evolucionar de xeito civilizado”, apunta.

Nese aspecto, Mariño compara o Entroido “co que sucede na escultura románica dalgunhas igrexas, tamén en Galicia”, en referencia aos canzorros nos que se representan os vicios. “É o que se chama románico erótico: representar os pecados para enviar a mensaxe de que cómpre evitalos pero, ao fin e ao cabo, representalos”.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.02.2020.