Comunicado da USC con respecto ao COVID-19
A USC está pendente, en todo momento, da evolución das alertas sanitarias relacionadas co COVID-19 (coronavirus) e, a través da Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización e do Servizo de Vixilancia da Saúde, en comunicación constante co alumnado e traballadores da institución.
Seguindo as recomendacións das autoridades con responsabilidade en materia sanitaria queremos, dende a USC, facer un chamamento a evitar a alarma innecesaria e a confiar nas medidas e accións emprendidas polos diferentes países para controlar a epidemia e minimizar os seus efectos. O obxectivo primeiro da USC é o de garantir a seguridade do alumnado e persoal que se atopa realizando unha estadía en mobilidade polo que solicitamos a todas as persoas que se atopen nesta situación consultar e seguir os protocolos da OMS e das autoridades nacionais e locais.
A comunicación permanente co SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación dependente do Ministerio de Universidades), co Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, Xunta de Galicia e outros organismos e administracións con responsabilidades en materia sanitaria internacionais permítennos coordinar as actuacións co resto de universidades galegas e españolas en relación á situación actual.
No caso dos países nos que se teñen detectado casos de contaxio por COVID-19, a Vicerreitoría de Estudantes e Internacionalización está a manter contacto coas universidades coas que existe algún tipo de convenio de intercambio de alumnado, persoal de administración e servizos e persoal docente investigador para ter información actualizada das recomendacións que se poidan establecer por parte das autoridades sanitarias nacionais e locais así como as particulares que se asuman nas diferentes universidades.
No Servizo de Relacións Exteriores (international [at] usc.gal (international[at]usc[dot]gal)) e no Servizo de Vixilancia da Saúde (vixilancia.saude [at] usc.gal (vixilancia[dot]saude[at]usc[dot]gal)) poderán prestar o apoio necesario ás persoas da comunidade da USC que o precisen a respecto desta situación.
Documentos de referencia para a información e prevención a respecto do COVID-19: