Pasar al contenido principal

Formación universitaria con pegada social

Cadeira de rodas
Cadeira de rodas
A Aula TIC-Pemes da USC favorece a integración de persoas con discapacidade física co proxecto Edison, unha acción pioneira apoiada por empresas luguesas que bota a andar na Facultade de Administración e Dirección de Empresas
Lugo

A formación e a acción universitaria tamén deixa unha importante pegada social, como é o caso do proxecto Ediso. Esta iniciativa de micromecenado promovida pola Aula TIC-Pemes (ATP) da USC co imprescindible apoio económico de preto dunha decena de empresas está orientada a proporcionar formación universitaria a persoas con discapacidade, a fin de  que adquiran habilidades sociais e persoais precisas para acceder a un posto de traballo de calidade, bota a andar este mércores na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e a tamén profesora da USC e coordinadora da Aula TIC-Pemes, Ángeles López Cabarcos, deron a benvida aos participantes nesta primeira iniciativa do Campus de Lugo incluída no programa de micromecenado da USC. Daquela, o proxecto Edison antóllsae como unha xanela que procura facilitar ao alumnado inscrito unha auténtica experiencia vital integradora e inclusiva que permita, a través da formación universitaria, o seu desenvolvemento persoal e profesional. A empregabilidade e a inserción laboral de persoas vulnerables ou en risco de exclusión social a través da formación, constitúe a pretensión última do proxecto Edison, sinala a profesora da USC responsable da Aula TIC-Pemes, Ángeles López Cabarcos.

O Proxecto Edison defínese como un curso de perfeccionamento para o desenvolvemento de habilidades empresariais cuxos eixos básicos son a inclusión, a integración, a formación e a empregabilidade. Esta acción, desenvolvida da man e en colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), está estruturada en cinco meses de formación de carácter teórico e práctico.

As persoas inscritas como alumnos neste programa contarán coa titoría dos profesores universitarios que se ocuparán da formación teórica ao longo de tres meses. De seguido, os beneficiarios da primeira edición do proxecto Edison completarán unha estadía profesional durante un período de dous meses en diversos departamentos das empresas adheridas a esta iniciativa e que, ademais de asumir os custos da matrícula de cada participante, tamén desenvolverán labores de apadriñamento profesional nas súas respectivas sedes e instalacións.

A profesora López Cabarcos salienta o carácter social do proxecto Edison, ao tempo que fai fincapé na especial sensibilidade amosada por Arenal, Grupo Lactalis, Cafés Candelas, Caixa Rural Lugo, Dmanan, Tableros Hispanos, Seguros Senoroeste ou o Colexio de Economistas de Lugo, as primeiras empresas e entidades que optaron por avalar esta primeira convocatoria dun proxecto que aspira a ter continuidade no tempo.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.02.2020.