Pasar al contenido principal

Preto dun cento de profesionais asesorarán ao alumnado na súa inmersión laboral

A figura do mentor nace para axudar ao alumnado no desenvolvemento da súa carreira profesional. FOTO: Santi Alvite
A figura do mentor nace para axudar ao alumnado no desenvolvemento da súa carreira profesional. FOTO: Santi Alvite
O programa Mentoring da USC impulsa unha xornada na que persoal directivo de empresas e institucións recibe formación sobre as ferramentas máis acaídas no proceso de mentorización
Lugo, Santiago de Compostela

O Programa Mentoring reuniu este venres a unha representación dos preto de 100 profesionais e directivos que exercerán como mentores e mentoras do alumnado inscrito nesta iniciativa da USC, para asesoralos na súa inserción laboral. A sesión de networking que se desenvolveu na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega permitiu que as persoas participantes tomasen contacto coas ferramentas máis acaídas no proceso de mentorización, así como o intercambio de puntos de vista entre integrantes veteranos e de nova incorporación. O reitor Antonio López e a vicerreitora de Comunicación Cultura e Servizos Mar Lorenzo Moledo deron a benvida aos participantes na sesión. 

O reitor subliñou que este programa “achega coñecemento do contexto laboral ao que nun futuro inmediato se van enfrontar os nosos titulados”. Combinar a formación regrada da Universidade con este tipo de iniciativas, continuou Antonio López, contribuirá a que o alumnado poda “atopar emprego e desenvolver as súas virtudes e habilidades” na contorna profesional. Pola súa parte, Mar Lorenzo destacou que “este programa entronca coa misión social da Universidade, á súa vez vertebrada en dúas funcións, a de dotar ao alumnado de competencias para a inserción laboral, pero tamén a de abrir a Universidade á sociedade”.  Este programa está centrado en poñer en contacto a estudantando e egresados recentes con directivos de empresas e profesionais.  

Compartindo perspectivas

A figura do mentor nace para axudar ao alumnado no desenvolvemento da súa carreira profesional. Neste senso, a sesión de networking deste venres permitiu dotar aos futuros mentores de estratexias, recursos e ferramentas de apoio para abordar a tarefa de mentorización. A actividade permitiu a interacción entre mentores xa experimentados no programa, e aqueles novos profesionais que se incorporan por primeira vez á iniciativa. 

José Manuel Fernández Fernández, director de Operaciones de Kemegal, encargouse de impartir a primeira parte da sesión. Logo dun tempo dedicado ao debate, Mario López Guerrero, formador, coach, comunicador, escritor e editor da revista  de Recursos Humanos Veinte, moderou o coloquio ‘Compartindo perspectivas: “Contornas novas, novos profesionais?’. Nuria Figueira Fernández, responsable de Desenvolvemento de Talento, Selección e Formación en Televés; Modesto Luis Gómez Rodríguez, CEO e director en Enxeño Galicia; Teresa Hernández Armentia, socia fundadora de Identia Coaching &Formación; e Carla Reyes Uschinsky, presidenta de Executivas de Galicia, enriqueceron coas súas experiencias a formación dos futuros mentores e mentoras. 
 

O Programa Mentoring reuniu este venres a unha representación dos preto de 100 profesionais e directivos. FOTO: Santi Alvite
O Programa Mentoring reuniu este venres a unha representación dos preto de 100 profesionais e directivos. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.02.2020.