Pasar al contenido principal

Un camiño para a descentralización de Portugal

Praza do Comercio de Lisboa. Pixabay
Praza do Comercio de Lisboa. Pixabay
Un estudo das finanzas públicas locais propón un conxunto de estratexias para unha xestión eficiente dos recursos adaptada aos municipios portugueses
Santiago de Compostela

A Portugal quédalle un longo camiño por percorrer en materia de descentralización económica. Así o confirma a investigación de Vicente Antonio Fernándes Seixas, doutor en Economía e Empresa pola USC e especialista en orzamento e finanzas públicas, na que estudou como mellorar a xestión das finanzas municipais e orzamentos públicos de Portugal.

O traballo analiza a xestión dos fondos dos concellos portugueses e doutros ingresos e gastos, utilizando doce indicadores de rendemento financeiro e orzamentario a nivel municipal. Ademais, agrupa os municipios en base a quince criterios económicos, políticos, sociais, xeográficos e demográficos. Para corroborar a utilidade, aplicabilidade e solidez dos indicadores propostos, a investigación inclúe un estudo de caso no que os aplica nun concello concreto. 

O obxectivo da investigación é que “o conxunto de indicadores e a súa análise integrada sexan empregados no futuro polas institucións de inspección, control e supervisión dos concellos como unha ferramenta de apoio á vixilancia e xestión das finanzas municipais, co fin de identificar as tendencias, os riscos, as desviacións da planificación e a aplicación de medidas correctivas”, explica Fernándes. “Tamén poden axudar a evitar asimetrías na asignación de fondos aos gobernos locais”, engade.

O autor destaca “a desigualdade entre a rexión de Lisboa e o resto do país”, e sinala que se aprecia un “patrón” que divide aos municipios en dous tipos. Os primeiros son aqueles “emprazados na costa e nas grandes áreas metropolitanas, que son os que mellor aproveitan os recursos” e que, polo tanto, dependen menos da Administración central. Por outra banda, aqueles “de interior, con poboación inferior a 10.000 habitantes, que son os que máis invisten e, aínda realizando unha boa xestión, dependen inevitablemente das transferencias do goberno central”.

O estudo, recollido na tese titulada ‘Análise do comportamento orzamentario e financeiro dos municipios do Portugal continental’, foi realizado no Programa de Doutoramento en Economía e Empresa da USC, e dirixida por María del Carmen Sánchez Carreira, profesora do Departamento de Economía Aplicada.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.03.2020.