Pasar al contenido principal

Premios contra a fenda de xénero

Ángela Fernández Piñeiro e Andreina Mitsai Vargas Carrión, na EPS de Enxeñaría da USC
Ángela Fernández Piñeiro e Andreina Mitsai Vargas Carrión, na EPS de Enxeñaría da USC
Andreina Mitsai Vargas Carrión e Ángela Fernández Piñeiro gañan o IV Concurso de TFG sobre Enxeñaría e Muller Rural na EPSE do Campus de Lugo
Lugo

As candidaturas presentadas polas enxeñeiras Andreina Mitsai Vargas Carrión e Ángela Fernández Piñeiro relacionados coa localización óptima dun polígono de arrecifes artificiais na ría de Ares-Betanzos e sobre instalacións accesorias para un centro ecuestre no concello de Culleredo veñen de resultar os gañadores do IV Concurso de Traballos de Fin de Grao ‘Enxeñaría e Muller Rural’, un certame promovido pola Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo e cuxos premios se fallaron este mércores no marco dun acto público no que se puxo de manifesto a necesidade de traballar a prol da posta en marcha de iniciativas encamiñadas a loitar contra a persistencia da fenda de xénero.

As candidaturas distinguidas, que foron seleccionadas entre máis dunha decena de propostas que xa mereceran a cualificación académica de sobresaínte, destacan pola súa dimensión de xénero e orixinalidade, ademais de polo seu carácter inclusivo e por tratarse de proxectos cun elevado grao de viabilidade económica e empresarial que incluso, nun dos caso, deu pé a unha iniciativa de emprendemento.

 A Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, salientou na cerimonia de entrega dos galardóns, que contemplan unha gratificación económica de 200 euros para cada gañador, o carácter simbólico dunha iniciativa que se antolla moi necesaria para seguir a avanzar na loita contra a fenda de xénero no ámbito das enxeñarías, en particular, pero tamén no contexto global dunha sociedade na que a crecente pegada tecnolóxica acentúa as diferencias entre as condicións de xénero.

“É preciso romper cos estereotipos e roles sociais que desde a infancia afastan as nenas das enxeñarías e das chamadas disciplinas STEM, porque a actual ausencia de mulleres nestes itinerarios de formación universitaria impedirá tamén no futuro inmediato a presenza feminina nos cadros de dirección e mando das principais entidades e empresas e nos postos de toma de decisións”, reivindicou Valcárcel.

A presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría, Dolores Fernández Rodríguez, lembrou asemade que o obxectivo da convocatoria destes galardóns pasa por “coñecer, recoñecer e facer visibles traballos feitos por mulleres e para as mulleres no eido da enxeñaría rural”. “A realidade laboral demostra que mulleres e homes poden desenvolver cometidos profesionais en igualdade de condicións e coa mesma calidade e rendemento”, sinalou a enxeñeira de Montes formada na EPSE Carmen Jorge, directora de área de Ence, no relatorio ofrecido a través de videoconferencia baixo o título ‘Mulleres de monte: polivalencia no sector forestal’.

A alcaldesa do  Concello de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial delegada da área de Igualdade, María Loureiro, e a secretaria da delegación territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro, tamén participaron nesta sesión institucional organizada ao abeiro dos programa de actos desenvolvido na EPS de Enxeñaría co gallo do Día Internacional da Muller.

As intervencións das responsables políticas presentes afondaron tamén na necesidade de rachar cos tópicos e estereotipos sociais que fan das enxeñarías unha formación pouco atractiva para o público feminino, tal e como o corroboran as estatísticas de matrícula universitaria, que sitúan en preto de 8.000 o número de homes que cursa estudos de enxeñaría, unha cifra que se reduce a pouco máis de 2.000 no caso de mulleres. A porcentaxe de mulleres matriculadas nalgunha das titulacións impartidas pola USC na EPS de Enxeñaría do Campus de Lugo sitúase por riba do 27% e está lixeiramente por riba da media estatal, situada arredor do 25% do total do alumnado.