A USC reforza o liderado agrogandeiro e alimentario cunha Granxa Experimental
A USC reforza o seu liderado no sector agrogandeiro coa posta en marcha dunha Granxa Experimental, unha infraestrutura concibida como un laboratorio vivo no que se conxugarán actividades produtivas e de manexo de gando de vacún de leite, con labores docentes e de I+d+i, segundo salientou este xoves o reitor da USC, Antonio López, na visita realizada xunto co presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Tomé. As obras e o proceso de dotación de equipamentos da Granxa Experimental rematarán previsiblemente en verán e estarán en pleno funcionamento a comezos do mes de setembro, a fin de que o alumnado da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC poidan desenvolver prácticas.
A Granxa Experimental, que incorpora unha Unidade de Leite, é unha realidade grazas ao importante esforzo inversor realizado pola Deputación Provincial de Lugo, que achega o 65% do financiamento, segundo lembrou o reitor Antonio López, quen salientou que estas novas instalacións permitirán á USC reforzar o seu cometido como axente activo de transformación do territorio do tecido produtivo da provincia de Lugo, no que o sector primario e especialmente as actividades agrarias e gandeiras teñen un peso destacado.
A dotación destas modernas instalacións dunha unidade de leite, engadiu Antonio López, complementarán asemade o labor que vén a desenvolver a USC desde hai anos a prol do sector lácteo desde a súa Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA). “A unidade de leite da Granxa Experimental permite así completar un ciclo que vai desde o manexo e a alimentación animal, ata a produción de leite seguindo parámetros de máxima calidade e hixiene e o posterior desenvolvemento de novos produtos e servizos cara as empresas e a sociedade”, sinalou o reitor da USC.
A implementación novos parámetros cara os que se aprecia unha grande sensibilidade social, tales e como son o benestar animal, a seguridade e a calidade alimentaria, así como os procesos orientados á sustentabilidade ambiental, social e económica son outros dos eidos nos que avanzará esta nova infraestrutura universitaria. Ademais das múltiples posibilidades que abre a disposición destas novas instalacións, a Granxa Experimental, engadiu o reitor, tamén permitirá á Facultade de Veterinaria USC superar con éxito o proceso de renovación da acreditación internacional por parte da EAEVE.
Pastoreo
O modelo produtivo que rexerá o funcionamento da Granxa Experimental emprazada na finca Gayoso Castro da Deputación de Lugo será o do pastoreo, un sistema alternativo ao das explotacións en réxime intensivo e que se antolla máis acaído para avanzar cara aos cumprimentos dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, comentou o reitor da USC, quen tamén manifestou a súa vontade de que a posta en marcha desta nova infraestrutura de carácter experimental sirva para transferir resultados e experiencias que contribúan a mellorar a calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven no medio rural, ademais da aumentar a rendibilidade das súas explotacións.
O reitor da USC realizou esta declaracións no marco dunha rolda de prensa ofrecida coxuntamente co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e na que tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e a deputada provincial Pilar García Porto. Antes desta comparecencia ante os medios, representantes da USC e da Deputación Provincial de Lugo participaron nunha reunión da comisión de seguimento do convenio que deu pé a posta en marcha desta granxa experimental. Neste órgano participan o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina, e o director da EPS de Enxeñaría, Tomás Cuesta, así como o técnico da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro Fiz Rocha, ademais da vicerreitora de Coordinación deste campus. A Deputación estivo representada neste órgano polo deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico; o secretario xeral adxunto da Deputación, José Antonio Mourelle Cillero; o director da Granxa Gayoso Castro, Miguel Fernández, e o enxeñeiro técnico agrícola de Gayoso Castro, Jaime Caldeiro.
Instalacións de vangarda
A Granxa Experimental conta cunhas instalacións construídas nunha finca de 15.500 metros con capacidade para 70 vacas produtoras e 12 secas. Dispón asemade dunha nave para gando de leite, cunha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón. Deses 15.500 metros cadrados, 4.400 metros cadrados utilízanse para as infraestruturas.
Instalouse unha sala de muxido que terá capacidade para dez cabezas de gando e que utiliza un robot, un mecanismo que se combinará co pastoreo, un sistema pouco común aínda en Galicia pero moi estendido noutras zonas de Europa e que permite diminuír os custes e valoriza o leite. O centro está dotado dunha zona de observación, que facilitará a visión total da instalación, un aspecto útil á hora de desenvolver as prácticas. Doutra banda, tamén se incorporaron un conxunto de medidas de benestar animal, entre as que se inclúen o cepillo rotativo, cornadizas, cubículos e galbanizados.