Pasar al contenido principal

A USC salienta no 8M a “obriga ética” de impulsar a igualdade en investigación, docencia e innovación

Foto de familia do acto institucional do Día Internacional da Muller. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia do acto institucional do Día Internacional da Muller. FOTO: Santi Alvite
A Universidade nutre o mes de marzo cunha axenda de actos feministas que reivindican a igualdade real entre homes e mulleres e que recoñece o labor da Comisión de Xénero da Facultade de Filosofía
Lugo, Santiago de Compostela

O acto institucional da USC para conmemorar o Día Internacional da Muller serviu este ano para poñer en valor a traxectoria da Comisión de Xénero da Facultade de Filosofía. O acto presidido este luns polo reitor Antonio López serviu asemade para dar lectura ao manifesto de CRUE Universidades Españolas, o cal reivindica a actividade desenvolvida por este tipo de comisións.

“Dende a perspectiva de xénero, as universidades estamos obrigadas a visibilizar as mulleres na linguaxe, a rescatar a memoria das que fixeron achegas de relevancia ao progreso social e a restablecer o mérito a aquelas a quen llo arrebataron inxustamente”, destaca o manifesto cuxa lectura correu a cargo da vicerreitora de Comunicación Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. “Debemos impulsar a perspectiva das mulleres na investigación, na docencia e na innovación”, subliña o texto. “É unha obriga ética, un principio moral e un trazo distintivo das universidades facer aflorar o talento con independencia do sexo. Sen a participación das mulleres en igualdade de condicións pérdese un potencial creativo extraordinario, algo inadmisible se queremos avanzar cara a unha economía baseada no coñecemento”, afirma. No acto institucional tamén tomaron parte o decano de Filosofía, Marcelino Agís; Natalia Prieto Viso, directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Xunta de Galicia; e Noa Díaz Varela, concelleira responsable de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas. María Xosé Agra Romero recolleu a mención honorífica coa que se galardoa á comisión. 

Olimpia Valencia

Co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller, a Facultade de Medicina e Odontoloxía celebrou un acto para designar a biblioteca do centro co nome da doutora Olimpia Valencia López. O acto contou coa presenza da familia da homenaxeada, quen se licenciou en Medicina pola USC no ano 1925, con Premio Extraordinario. Muller vencellada ao movemento galeguista, participou na fundación da Academia Médico-Cirúrxica de Vigo, e dedicou toda a súa vida profesional á xinecoloxía como facultativa da Seguridade Social. No seu consultorio na cidade de Vigo figuraba unha placa que dicía ‘Olimpia Valencia. Especialista en enfermidades da muller’.

Biblioteca Intercentros

A Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo sumouse, pola súa parte, aos actos de celebración do Día Internacional da Muller coa apertura dunha mostra que recolle unha escolma dos paneis que integran a exposición ‘Educación en feminino, un paseo pola historia’, elaborada por alumnado da Facultade de Formación do Profesorado. O profesor Francisco Candia e a alumna Lucía Villarino participaron na apertura desta exposición, que permanecerá aberta ao público no vestíbulo da Biblioteca Intercentros ata o 26 de marzo. Esta iniciativa nace na Facultade de Formación do Profesorado coa intención de unirse a outras accións semellantes que contribúan a colocar ás mulleres educadoras no posto de honra que merecidamente teñen conquistado tras de séculos de resistencia. 

Táboas redondas

Mabel Loza García, Carme Pampín Casal e Eva López Barrio toman parte este luns nunha mesa redonda moderada pola vicerreitora Mar Lorenzo Moledo. O acto desenvolverase, a iniciativa do Ateneo de Santiago, ás 20.00 horas na Rúa do Vilar, 19. A mesa redonda xirará arredor da reivindicación da igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade. Farase fincapé nos papeis que teñen as mulleres na USC como científicas, emprendedoras e investigadoras.

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo acolleu asemade este luns a mesa redonda ‘Muller e traballo: visión das nosas políticas’. Outra mesa redonda, ‘Nosoutras, as mulleres de empresa’, desenvolveuse tamén na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus lucense. 

Axenda para os vindeiros días

O martes 10 terá lugar o coloquio a partir do libro Papá, por que non pintas as unllas de cores? Educando (construíndo) masculinidades disidentes de Jorge García Marín. O acto organizado pola Comisión de Xénero da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo comezará ás 11.30 horas no Salón de Actos do centro. A conferencia 'Fundamentos da comunidade: a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza en materia de igualdade e non discriminación por razón de sexo' terá lugar tamén o martes 10 de marzo ás 13.00 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito.

A dedicación do Pavillón 3 da EPS de Enxeñaría, o 11 de marzo, á muller rural, contará coa participación como madriña de honra da actriz Benedicta Sánchez, galardoada co Goya á mellor actriz revelación no 2020 polo seu papel protagonista no filme O que arde de Óliver Laxe. O acto terá lugar a partir das 12.00 horas. Finalmente, o workshop ‘Plans de Igualdade en empresas’, terá lugar o 13 de marzo ás 10.00 horas na Aula 1 da Facultade de Relacións Laborais en Compostela. Ademais da axenda de actos, a exposición ‘Mulleres científicas. Mulleres economistas ao longo da historia’ que leva aberta ao público dende o 11 de febreiro, estenderase ata o 31 de marzo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Dende o 26 de febreiro, 27 extractos de textos de La mujer del Porvenir de Concepción Arenal están expostos na EPS de Enxeñaría. A mostra situada na entrada das aulas e seminarios pecharase o 31 de marzo. Finalmente, a iniciativa ‘Economistas do mes’ impulsada dende a Biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, renderá homenaxe no mes de marzo a Elinor Ostrom, considerada unha das estudosas máis destacadas na área de recursos compartidos ou bens comúns.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.03.2020.