Pasar al contenido principal

Suspensión de actividades na USC

Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
Por resolución reitoral, a institución adopta unha serie de medidas preventivas e organizativas orientadas a conter a expansión do COVID-19 en base ás indicacións das autoridades sanitarias
Lugo, Santiago de Compostela

A USC aprobou este venres unha resolución reitoral na que se adoptan as medidas preventivas e organizativas necesarias para fomentar o distanciamento social e conter a expansión do COVID-19 (coronavirus) ao mesmo tempo que se garante a prestación do servizo. Tal e como recolle o texto, tendo en conta a excepcionalidade da situación que se está vivindo cómpre insistir na responsabilidade por parte de toda a comunidade universitaria para seguir as recomendacións das autoridades sanitarias e evitar situacións de risco.

As medidas adoptadas pola Universidade aplícanse ao alumnado, a todo o persoal que preste os seus servizos na USC e ao persoal dos seus entes dependentes. Asemade, terán o carácter temporal que determinen as indicacións das autoridades competentes, sen prexuízo da súa posible revisión de conformidade coa evolución da situación.

Con carácter xeral, os edificios docentes, investigadores e administrativos permanecerán abertos entre as 9.00 e as 14.00 horas de luns a venres. As bibliotecas universitarias permanecerán abertas no horario indicado co límite de 1/3 do seu aforo máximo. As residencias universitarias permanecerán abertas pero restrinxirase, co obxecto de minimizar o contacto, o uso dos espazos comúns, coa excepción das zonas de comedor. Neste caso limitarase tamén a asistencia a 1/3 do seu aforo máximo, tal e como acontece coas cafeterías. 

Docencia

Quedan suspendidas as actividades docentes presenciais tanto de títulos oficiais como de títulos propios. Porén, sempre que sexa posible serán  substituídas por actividades non presenciais atendendo ás particularidades de cada titulación. Quedan tamén suspendidas temporalmente as prácticas externas, tanto curriculares como extracurriculares, que se realizan tanto na USC como noutras entidades públicas e privadas.

Mobilidade

En canto ao alumnado Erasmus e por convenios que se atopa na universidade, aplicaranse as medidas xerais e habilitaranse canles específicas de atención para eles. Polo que respecta aos estudantes que están a realizar estancias reguladas fóra da Universidade, manteráselles informados en todo momento das resolucións do Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE). Quedan suspendidos os actos de defensa de teses de doutoramento, traballos fin de grao e fin de mestrado. 

Extensión universitaria

Procédese á anulación de congresos, xornadas, seminarios e cursos de formación programados nos edificios da USC salvo que os seus organizadores opten polo seu aprazamento. As actividades de carácter non presencial seguiranse realizando con normalidade. Quedan tamén suspendidas as actividades culturais, deportivas e outras de extensión universitaria que non sexan imprescindibles para o funcionamento básico da institución.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.03.2020.