Así se crea unha aula virtual
A canle oficial de YouTube da USC acolle dende as últimas horas distintos videotitoriais sobre como construír aulas virtuais. Este material elaborado dende o Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) está dirixido ao persoal docente e investigador que debe, dende este luns 16, impartir as súas materias de modo telemático.
Na primeira das pezas elaboradas, amósase como se pode acceder ao Campus Virtual dende a páxina web da USC. Así, no menú superior principal, dende o apartado USC Virtual, pode accederse ao campus en liña da Universidade. Premendo nese botón e logo de introducir os contrasinais corporativos, así como de aceptar o comporomiso de uso, pode accederse ás diferentes aulas, unha por materia, na que os docentes deberán colgar os seus respectivos contidos.
Organización
A plataforma institucional, baseada en Moodle, proporciona un entorno educativo virtual coas ferramentas necesarias para lograr unha boa integración na docencia e favorecer o proceso de aprendizaxe. De entrada, as aulas permanecen ocultas para o alumnado, de tal xeito, que é o persoal docente o que debe configurar a súa visibilidade e decidir o momento en que lle proporciona acceso ao estudantado.
Asemade, o profesorado dispón dunha aula de probas na que pode practicar as distintas funcionalidades do campus de modo privado. Dentro de cada aula, os contidos poden organizarse en temas nos que propoñer diferentes actividades para o alumnado.
O persoal docente pode subir arquivos ao Campus Virtual, sempre e cando estes non excedan dos 500 Mb.
Recursos multimedia
Ademais de arquivos é de especial interese incluír nas aulas páxinas web que inclúan material multimedia, como vídeos, imaxes ou audio. O CeTA publicou tamén un vídeo no que presenta unha introdución á ferramenta Páxina e ao funcionamento do editor de texto.
A canle de YouTube da USC está a ser permanentemente actualizada con novos videotitoriais para dotar ao profesorado das ferramentas necesarias no proceso de docencia en liña. A Universidade aprobou o pasado luns 16 unha Resolución de Protocolos de Actuación durante o estado de alarma na que se establece que tanto persoal docente como de servizos debe desenvolver a súa actividade dende os respectivos domicilios.